Chámome Guido Álvarez Parga (nado en Lugo o 16 de setembro de 1985), son turismólogo, guía oficial de Turismo de Galicia, docente universitario (no Grao en Turismo da UNED), consultor turístico e creador de experiencias e proxectos relacionados co turismo, a cultura e o patrimonio. Nacín e medrei no barrio do Carme de Lugo, un lugar que continúa sendo un dos meus principais focos de exploración e divulgación.
Son Guía Oficial de Turismo de Galicia dende o 2015, acreditado para acompañar visitantes en cinco idiomas (galego, castelán, inglés, francés e italiano), e concibo o meu traballo como unha aposta por un turismo sostible, aberto, integrador e que poña en valor tanto os lugares coñecidos coma os menos evidentes.
Ao longo da miña traxectoria combinei a práctica profesional coa investigación, a divulgación e a formación. Son profesor-titor no Grao de Turismo da UNED Lugo dende o 2020, onde tamén organizo actividades e cursos ao aire libre. Tamén colaboro con frecuencia con diversos medios de comunicación.
A miña formación pasou por experiencias internacionais e especializacións: ademais da Diplomatura en Turismo cursada e rematada na Universidade da Coruña fun estudante Erasmus na Università degli Studi di Teramo (Italia), realicei un posgrao en Turismo Urbano e Xestión de Empresas Turísticas na Universidade de Santiago de Compostela e obtiven un máster europeo en Xestión de Paisaxes Culturais cursado nas universidades Jean Monnet (Francia), Federico II (Italia) e Stuttgart (Alemaña) grazas ás bolsas de estudo Maclands e Erasmus Mundus.
Dende que comecei no sector no 2004, acumulei experiencias diversas como guía acompañante, consultor, técnico en observatorios turísticos, community manager, axente de viaxes, recepcionista, guía de museo, coordinador de produto e doutorando, entre outras.
En 2019 dei un paso profesional relevante ao crear o proxecto “Guido Guía”, que nace como suma de anos de experiencias e da vontade de compartir Lugo, Galicia e o mundo de formas singulares: con paseos, visitas, excursións e viaxes. Dende entón desenvolvo itinerarios clásicos e tamén experiencias deseñadas a medida, tanto para turistas como para locais, que buscan conexión coa historia, a cultura e a paisaxe.
Ademais da labor como guía e docente, traballo tamén como consultor turístico e deseñador de experiencias, acompañando institucións e empresas na creación e mellora de propostas culturais e turísticas que teñen en conta a identidade local e o benestar das comunidades. Esta dimensión do meu traballo está cada vez máis presente no meu día a día e complementa a miña actividade a pé de rúa.
Ao longo da última década recibín distintos recoñecementos pola miña labor, incluíndo ser nomeado un dos Lucenses do Ano en 2020, ser designado socio de honra da Asociación pola Defensa do Patrimonio Cultural Galego e obter de xeito consecutivo o recoñecemento Travelers’ Choice de TripAdvisor entre os anos 2022 e 2025, entre outros.
O meu traballo está guiado pola paixón polo patrimonio, a importancia de abrir o turismo máis aló dos puntos convencionais, o uso do galego como lingua viva de comunicación cultural e a creación de experiencias que vinculen persoas, territorio e sentido de pertenza.


