O vindeiro sábado 11 de febreiro dende o proxecto Guido Guía organizamos a quinta edición do paseo #LugoFotográfico, tres anos despois da nosa primeira experiencia no 2020. Nesta ocasión será acompañados dos fotógrafos internacionais Cristian Leyva (México) e Sergio Ferreyra (Arxentina). O paseo comezará e rematará no Parque Rosalía de Castro e a inscrición (10 € por persoa con posibilidade de bonos e descontos por idade) pode realizarse a través do correo guidoguiaturismo@gmail.com
CRISTIAN LEYVA é un fotoxornalista independente do estado de Guerrero, México, pertencente ao pobo nahua da zona do Alto Balsas. O seu traballo enfócase principalmente na cobertura de temas relacionados cos pobos orixinarios, cuestións sociais como a migración, a desaparición forzada e procesos comunitarios de seguridade e xustiza.
As súas fotografías foron difundidas por diversos medios e axencias como National Geographic, The Guardian, The New York Times, Getty Images, NurPhoto Agency, Zuma Pres, Pacific Press Agency, Revista Contralinea, Agencia Autónoma de Comunicación Subversiones, etc.
No 2020 foi beneficiario do apoio do National Geographic COVID-19 Emergency Fund for Journalists e finalista no concurso de fotografía “Documentando o Impacto do Covid-19 a través da Fotografía: Illamento Colectivo en América Latina” de «ReVista: the Harvard Review of Latin America» da Harvard University United States.
Forma parte de Indigenous Photograph, un espazo de xornalistas visuais indíxenas de todo o mundo. Actualmente colabora coas axencias NurPhoto Agency, Zuma Press e Pacific Press Agency.
SERGIO FERREYRA graduouse na especialidade de Fotografía da Facultade de Artes da Universidade Nacional de Córdoba (Arxentina) no ano 2013. Ten 10 anos de experiencia como fotógrafo de paisaxes, natureza, retrato corporativo, produtos, eventos sociais e culturais, ademais de ter ampla experiencia de traballo con empresas recoñecidas na súa rexión. Para Sergio a fotografía é “convertir o habitual en extraordinario dándolle ao espectador unha ollada diferente e podendo contar unha historia a través da foto”.
