Os 231 de Guntín, récord do proxecto Guido Guía e moitos recordos

Onte sábado 9 de novembro foi para min un día dos que non se esquecen nunca. Pronto, no 2025, cumprirei dez anos como guía oficial de turismo de Galicia e tamén dez anos dende que regresei a Lugo despois de once anos de aventuras fóra da miña cidade e tamén vivindo en varios países.

Nunca imaxinei naquel 2015 todas as cousas que pasarían na década que viría por diante, e o récord de onte en Guntín sentino como un agasallo moi especial neste paso á miña segunda década como guía que comezará o ano que ven.

Boto a vista atrás e lembro primeiro aquel día que en Burdeos decidín volver a casa, pouco antes do 80º cumpreanos do meu pai (agora vai cumprir os 90), lembro tamén os primeiros intercambios de idiomas en Lugo que tantas portas me abriron a facer amizades na comunidade internacional da cidade, aqueles primeiros paseos de investigación, os anos de traballo nas axencias de viaxes… e sobre todo o momento no que decidín facerme autónomo no 2019.

Pero o que máis lembro son a todas as persoas que neste tempo me acompañaron e acompañan nesta incrible aventura de ser guía na miña terra. Dende aquel primeiro paseo con Gireg, Jessenia, David Varela e o meu pai, ata os 231 de onte en Guntín. Grazas a todos e a todas de corazón, e imos a por outros dez anos máis de viaxes e encontros ❤