A diáspora do século XXI

http://www.galiciae.com/pdf_files/08022013compendio_4.pdf

Cinco mozos contan as súas experiencias polo mundo tras verse obrigados a deixar Galícia. O paro xuvenil na autonomía é do 49%

Péchase o ciclo. A emigración iniciárona os bisavós, alá nos albores do século XX, e continuárona nas décadas centrais da centuria os avós. A prosperidade lográrona os pais coa chegada da democracia e dun estado de benestar que agora se esborralla e obriga os fillos a iniciar de novo unha travesía polo mundo, petate ao lombo, na procura dun futuro propicio.

Á cuarta xeración, a dos mozos galegos que agora transitan entre os 16 e os 25 anos, golpéaa un desemprego xuvenil do 48,8% na comunidade, segundo os datos da EPA no último trimestre de 2012. Un ano antes esta cifra era do 38,12% e a principios de 2008,  antes do cataclismo económico, só afectaba o 17,53 por cento da poboación activa menor de 25.

As circunstancias actuais sinalan con contundencia cara a unha porta de saída que agora ten en Europa a súa principal vía de escape. Esa é a solución que atoparon moitos mozos galegos nos últimos meses, en moitos casos, tras un errático período polos sumidoiros do mercado laboral, entre bolsas nimias e empregos mal remunerados. Os condicionantes seus nada teñen que ver cos dos ancestros, xeralmente membros dunha familia numerosa na que, agás o primoxénito e por tanto herdeiro das terras, todos tiñan  que marchar na procura do pan. E facíano, as máis das veces, sen saber ler nin escribir.

Os cinco mozos que agora nos narran a súa experiencia comparten boa formación, con titulacións universitarias e estudos complementarios. Tamén viviron a desengano da infrutuosa búsqueda de traballo aquí. Así, Ángela, xornalista, proba as receitas da súa tocaia Merkel nun Berlín que aínda paga as consecuencias da caída do muro e que figura como a gran mancha no expediente laboral da chanceler. Álex, arquitecto, constrúe a aventura nórdica nun Estocolmo no que o frío debuxa na súa mente unha Galicia case tropical. Juan Pablo emprendeu unha viaxe de retorno ás raíces. Chegado desde Arxentina aos 16 anos, hai un descubriu que o ciclo cambiara e que o traballo que viñeran buscando os seus pais non estaba agora aquí. A emerxente Latinoamérica abre os brazos de novo para el. No caso de Marta, enfermeira, o sistema sanitario británico curoulle a cicatriz privatizadora que en España a deixou sen oportunidades. E por último, Guido: turistólogo sen medo a voar. Agora fórmase dacabalo entre Saint-Étienne, Nápoles e Stuttgart para algún día poder regresar á súa querida Galicia.

Un percorrido europeo

Nome: Guido Álvarez Parga

Ano de nacemento: 1985

Lugar: Lugo

Estudos: Diplomatura en Turismo e Máster en Dirección e Planificación Turística

Destino: Saint-Étienne (Francia)

Desde cando: Xullo de 2012

Ocupación: Estudo un Erasmus Mundus sobre Paisaxes Culturais

Motivos da marcha: Seguir gañando aptitudes profesionais e mellorar idiomas. Levaba 3 anos traballando no Cetur e quería vivir outra experiencia

Plans de futuro: No longo prazo penso en Galicia. Agora agárdame Nápoles no segundo semestre e Stuttgart, no terceiro. Logo farei as prácticas nun dos tres países

Idioma: Entendino desde o principio pero para poder expresarme ben tardei 3 meses

Morriña: Penso en Galicia todos os días, pero sen deixar de gozar e valorar onde estou. Regreso cada 2 ou 3 meses

Sin título

A %d blogueros les gusta esto: