Artigo publicado en Lugo Xornal e Galicia Confidencial
Os “Míticos” André Pérez, Aitor Vázquez, Chisco López, Marcelo Egidio, Álvar Vázquez e un prodixioso Carlos Noguerol (base do C.B. Clavijo na LEB Prata) foron os campións da cuarta edición dun torneo que medra exponencialmente ano a ano. O MVP levouno o portentoso Félix Ferro (C.B. Viveiro), o concurso de triplas foi para un afinado Andrés Lodeiro (Basket Xiria) e os mates para un novel espectacular que seguro dará moito que falar nos anos vindeiros: Diego Villadóniga (C.B. Estudiantes)
Décadas de historia, miles de xogadores, e o paso por ela de auténticas estrelas do baloncesto nunha cidade na que este é o deporte rei, fan que a Pista Roja estea considerada a nivel galego como un verdadeiro templo do basket de rúa.
O 4×4 é unha invención recente, pero dende aquela primeira edición na que gañou un actual xogador ACB (Sergi Quintela) e os mates un futurible NBA (Tyson Pérez) este campionato estase a converter tamén nunha verdadeira referencia entre os torneos de street basket non só galegos senón a nivel estatal.
Este domingo viviuse a cuarta edición, probablemente a máis desputada de todas, na que uns “nativos” da Pista (Os Míticos) levaron o gato a auga fronte a unha escuadra mariñá que non só deu guerra esta vez senón que o leva facendo moitísimos anos en todos os torneos galegos: “Desde Viveiro con Budón”.
André Pérez, Aitor Vázquez, Chisco López, Marcelo Egidio, Álvar Vázquez e Carlos Noguerol foron os que levaron para a casa o anel de campións. O MVP foi para un completísimo Félix Ferro (C.B. Viveiro), as triplas para o “Lobo” Lodeiro (Basket Xiria) e os mates para unha xove promesa do C.B. Estudiantes: o espectacular Diego Villadóniga.
