Lugo Language Exchange: onde Lugo se encontra co mundo

Artigo publicado en Lugo Xornal e Galicia Confidencial

A vella Lucus Augusti é unha cidade única por moitas razóns. Unha das recentes e menos coñecidas polo gran público é a virtude de ser unha cidade marabillosa para persoas de todo o planeta que buscan un lugar onde vivir, ou para cando menos vivir unha experiencia diferente nas súas vidas.

Un martes calquera no Lugo Language Exchange. Xente de Polonia, Irlanda, Palestina… (Foto: Bruno González)

Dun tempo a esta parte Lugo estase a converter nunha cidade de gran ambiente internacional, e isto débello moi probablemente a iniciativas coma o Lugo Language Exchange. Un proxecto lanzado por un rapaz inglés, Neil Wykes, que durante moitos anos foi para moitos foráneos a primeira cara amable, o primeiro anfitrión, o primeiro amigo que atopaban cando chegaban a este verde e histórico recuncho atlántico.

O berce de San Froilán foi punto de arribo para migrantes durante moitas épocas da historia, pero non podemos negar que o crisol cultural está a vivir no século XXI o seu maior apoxeo. A internacionalización do Campus Terra, o retorno dos históricos fluxos migratorios co continente americano, os programas de captación de auxiliares de conversa para institutos e colexios, ou a simple globalización, son algunhas das razóns principais.

O Lugo do século XX tiña carencia dese enriquecemento cultural que aportan os migrantes e a multiculturalidade… pero por sorte hoxe podemos celebrar unha realidade ben distinta. Eu, que son guía e que tamén me movo moito no ambiente internacional, podo dicir que nos últimos cinco anos (regresei a Lugo no 2014) debín coincidir na cidade con persoas de preto de 100 países diferentes.

Volvendo ó centro do artigo, o LLX… en Lugo deberiamos homenaxear a esta iniciativa e ó seu creador, o xa mencionado Neil Wykes, que desgrazadamente faleceu hai un ano e medio. Realmente merecería que a cidade fixese memoria da súa laboura por abrir portas e ventás, e agrandar o espírito lucense.

Tamén merece un aplauso o continuador que salvagardou neste último tempo o valor do LLX e a memoria de Neil: o lucense Bruno González, que martes a martes segue mantendo vivo este punto de encontro de culturas e idiomas no bar Santuario (praza do Campo 8).

Para quen non o coñeza, azos para probalo… todos os martes ás 21h30 tedes a oportunidade de dar un paseo polo mundo, ese mapamundi de persoas que, sen que moitas veces nos demos conta, están asegurando o futuro e a evolución da nosa terra.

A %d blogueros les gusta esto: