A Muralla de Hantissié

Artigo publicado no diario La Voz de Galicia o 7 de xuño do 2020

Sempre fun consciente delo, pero dende que regresei a Lugo no 2015 e comecei a miña actual etapa como Guía Oficial de Turismo de Galicia moito máis, de que as persoas de fóra valoran promedialmente moito máis o patrimonio da nosa cidade que os propios lucenses.

Hai pouco a UNESCO anunciaba que elixía á Muralla Romana de Lugo como un dos 40 lugares Patrimonio Mundial a promocionar durante o confinamento pola crise sanitaria do covid-19. Para a incredulidade de moitos, bastantes persoas aínda se sorprendían desa selección. Semella que aínda cústanos crer que podemos ser os mellores en moitas cousas.

Nestes cinco anos compartín paseos con persoas de medio mundo, algunha vez calculei que polo menos 80 nacionalidades diferentes… e con elo gañei moitas miradas brilantes a sumar á que sempre menciono, á primeira que me influíu tanto, a do meu saudoso pai, arxentino fillo de galegos (de Baleira e Ribadeo) que cando xa na corentena pisou por vez primeira Lugo, namorouse profundamente da capital da provincia dos seus pais. Como el, outros Erasmus e viaxeiros que coñecín nestes anos, contáronme que tocaban a Muralla con emoción, incluso que falaban con ela como o meu amigo Cristopher Chaldú.

Hai oito anos estudaba eu un máster Erasmus Mundus en xestión de paisaxes culturais, moi vencellado á UNESCO, entre Francia, Italia e Alemaña. Alí tiña un compañeiro arqueólogo de Burkina Faso, Hantissié Hervé Farma, agora doutorando na Université Libre de Bruselas. Cando lle falaba de Lugo iluminábanselle os ollos. Varios traballos do máster adicounos a Lugo. No 2016 veu visitarme e non paraba de facerlle fotos a cada recuncho, a cada detalle da cidade, como se estivese nunha das 7 marabillas do mundo. Temos que crérnolo máis.

 

A %d blogueros les gusta esto: