Artigo publicado no diario El Progreso de Lugo o 13 de agosto do 2021
O movemento Coidemos Lugo, que conta con máis de 100 voluntarios, organiza o día 28 unha recollida en Castelo para celebrar o seu primeiro ano de vida, no que realizaron 11 accións

Coidemos Lugo, o movemento social que quere limpar as rúas e parques da cidade, cumpre o vindeiro sábado 28 un ano de vida desde a súa primeira acción.
A iniciativa xurdiu por mor dunha das visitas-paseos que organiza o guía turístico Guido Álvarez. O guía e os seus paseantes atoparon durante unha visita guiada polo histórico barrio de O Carme unha zona repleta de lixo, botellas e plásticos, e un dos antigos muros que caracterizan a esta parte da cidade derrubado por efecto da acción humana.
Os muros realizados coa técnica de pedra seca son, desde 2018, patrimonio inmaterial da humanidade recoñecido pola Unesco. Isto indignou a todos os presentes que, como outras veces, denunciaron este feito nas redes sociais pero coa diferenza de que esta vez os asiduos ás visitas organizadas por Álvarez lanzaron a idea de crear un movemento para combater estes actos vandálicos.

Guido alzou a voz a través dun tuit ao que lle respondeu por privado o xa exjugador de baloncesto Salva Arco, no que dicía que quería sumarse ao proxecto e que podía achegar a súa experiencia en cuestións de organización polos campus de baloncesto que el mesmo promove cada verán.
Durante os días posteriores foron perfilando a idea: xuntar a xente polo menos unha vez ao mes para levar a cabo acciones colectivas de limpeza. O primeiro paso foi crear as redes sociais con perfís en Twitter, Facebook e Instagram nas que hoxe contan con 4.000 seguidores.
A primeira acción contou con vinte e cinco voluntarios, que era o máximo de asistentes posibles polas restricións que entón estaban estipuladas. Aseguran que foi un éxito porque se encheron o total das prazas dispoñibles e porque, ao xuntarse no Carme, limparon a zona durante tres horas revirtiéndo a situación inmunda na que se atopaba. Os participantes compartiron nas redes as imaxes do antes e despois recibindo unha importante onda de reaccións en apoio.
“Chegamos a atopar un váter, sacos de roupa enterrados, unha grellada e ata unha carteira con documentos”, sinala Ana Dopazo Fernández, unha das voluntarias
Unha destas impresións procedía do Concello que, desde ese momento, apoia ao movemento cidadán facilitando aos integrantes un seguro -que fontes do consistorio non puideron especificar- e o préstamo de luvas, pinzas e carretillas, material que contribúe á axilización dos labores que executan os voluntarios. Das once accións que levan ás súas costas, a metade foron en colaboración con colectivos que buscan a consecución de obxectivos similares como Adega, Ecoembes, Seo BirdLife, Reserva da Bioesfera Terras do Miño, a asociación Corripa e a Uned.
Considéranse un movemento social espontáneo, altruísta e sen discurso que concentra os seus esforzos na acción directa. Aseguran que non reciben ningún tipo de axuda económica por parte das administracións públicas. E tampouco buscan realizar unha crítica nin unha denuncia; simplemente, queren limpar e dar exemplo pero sen discursos paternalistas polo medio. Todo en positivo, explican.
“Se se une máis xente será máis fácil lograr un Lugo máis limpo e concienciado para non tirar lixo na vía pública”, alega o voluntario David Corredoira
Camisetas. Salva Arco tivo a idea de crear as representativas camisas verdes que identifican as súas accións para aqueles que as testemuñan, dándolles visibilidade. As camisetas, creación da ilustradora malloquina Cocarroideceba, véndense a un prezo de seis euros na sede da asociación Somos Unidos polo Cancro.
Coidemos Lugo non para de crecer dunha forma progresiva. Pasaron de ser vinte e cinco participantes iniciais a aglutinar nunha soa actuación a corenta e tres persoas. En só un ano, a iniciativa conta con 40 integrantes fixos e máis de cen voluntarios puntuais que toman partido cando as circunstancias de cada un permítenllo.

Nun principio, cada actuación realízase sobre un barrio en concreto e, en función do número de persoas que acudan ese día, poden chegar a abarcar máis zonas. Os participantes divídense en pequenos grupos, de entre seis e oito persoas. Asisten nenos, persoas de avanzada idade e xente procedente de puntos moi distintos do planeta; cóntanse ata dezaseis nacionalidades distintas.
“Tamén temos realizado accións na Pousadela, O Castiñeiro, Milagrosa, Paradai, A Tolda e non contorna do Río Miño”, sinala Guido Álvarez
A súa última actuación foi nas aulas dos distintos colexios da cidade onde deron ata sete charlas nas que explican o labor que realizan co fin de concienciar aos máis novos.
Este primeiro aniversario será celebrado cunha recollida máis o vindeiro sábado 28 de agosto de 17.00 horas a 20.00 horas no barrio de Castelo, en colaboración coa asociación ecoloxista Corripa. As prazas son limitadas pola situación sanitaria polo que é necesaria a previa inscrición dirixíndose ás redes sociais de Coidemos Lugo.