Guido Álvarez: “É unha viaxe no tempo cada ano”

Entrevista no diario El Progreso de Lugo publicada o 5 de outubro do 2021

O guía turístico recibe as festas cos brazos abertos e procura desfrutar de cada momento.

Dígame o seu primeiro recordo do San Froilán.

Teño recordos moi intensos dende moi pequeno porque eu nacín, medrei, e actualmente volvo vivir fronte ao Pavillón Municipal e as costas do parque Rosalía de Castro, ambos escenarios moi importantes do corazón do San Froilán. Os meus primeiros recordos son as montaxes das barracas cada ano na explanada do pavillón, que era o lugar onde sempre xogaba cos meus amigos do barrio.

Cal foi o mellor San Froilán da súa vida e por que?

Calquera da infancia foi espectacular porque de neno o San Froilán vívese con máis intensidade que nunca… pero o San Froilán do ano 2014 foi moi especial porque coincidiu co meu regreso de Francia cara a Lugo despois de estar once anos fóra da cidade. Teño moitísimas fotos daquel San Froilán, estaba moi emocionado de volver estar na miña terra tanto tempo despois.

E o mellor concerto ao que asistiu nas festas?

Os de Carlos Núñez, Rozalén, Sés, Kase O, Buena Vista Social Club… e calquera concerto de artistas de Lugo que son sempre os mellores. Para min non hai nada como escoitar un concerto de música tradicional na Praza de Santa María e sentir o peso da nosa historia e da nosa cultura… ponme os pelos de punta!

Que cousa fixo nun San Froilán do pasado que non volvería facer agora?

Perderme algún día dos nove que duran as festas sen ser por causa maior. Dende hai anos gozo ao máximo de cada xornada, para min son dos meus días favoritos do ano. Unha viaxe no tempo cada doce meses.

Con que queda, o Tren de la Bruja, a nora ou a Tómbola del Jamón?

Quedo sen dúbida co Tren de la Bruja saudando a miña avoa en cada unha das voltas.

Botando contas, en que gasta os seus diñeiros en San Froilán ou en que gastou máis?

Sen dúbida na atracción dos bazocas (risas).

Se estivese na súa man facer o programa de festas, que incluiría e de que prescindiría?

Sinceramente eu non cambiaría nada. Outras festas teñen que innovar por obriga pero co San Froilán sucede o contrario. Esta festa ten a maxia na súa esencia que é manterse fiel ás súas orixes. En todo caso, sumaríalle ao programa a organización de paseos guiados polo barrio do Carme! (risas).

A %d blogueros les gusta esto: