Despois de 3 anos de paseos guiados e actividades case sempre na provincia de Lugo, o proxecto Guido Guía ábrese este outono a outras cidades galegas baixo a liña de traballo seguido nestes anos en Lugo: tratar de ensinar recunchos menos coñecidos das urbes e das súas contornas, na procura de crear percorridos turísticos alternativos e de paso axudar así á dispersión e desconcentración dos fluxos de persoas que nos visitan.
Este novo ciclo de paseos guiados comezará en Ferrol o vindeiro 1 de outubro, para continuar por outras 9 cidades actuais e históricas galegas: Lugo (8 de outubro), A Coruña (16 de outubro), Vigo (29 de outubro), Pontevedra (30 de outubro), Ourense (6 de novembro), Tui (12 de novembro), Compostela (13 de novembro), Mondoñedo (19 de novembro) e Betanzos (27 de novembro). Cada un deles terá unha duración de 3 horas, e iniciaranse sempre ás 11h00 da mañá.
O custo de cada un dos paseos será de 10 € por persoa (IVE incluído) e coa posibilidade de adquirir bonos de 5 ou 10 paseos por 40 € ou 60 € respectivamente. Haberá descontos de 30% para menores de 18 anos, e gratuidade para menores de 4 anos. As prazas serán limitadas e por orde de inscrición.
