A vindeira fin de semana o ciclo de paseos guiados “O Miño que nos une” viaxará a Ourense e Ribadavia cos guías Fabio Forino (Guíame Galicia), Hugo Lage (Buguina Turismo) e Guido Álvarez (Guido Guía).
Despois do éxito dos dous primeiros paseos en Lugo e Portomarín no mes de febreiro, estes tres profesionais do turismo seguen o seu itinerario río abaixo para compartir cos participantes das actividades os segredos e curiosidades da cidade das Burgas e da capital do Ribeiro.
No mes de abril rematarán este primeiro ciclo en Tui e A Guarda, e para cada un destes catro paseos o prezo será de 10 € por persoa. Hai posibilidade de bonos e descontos por idade (consultar) e as inscricións deben facerse a través do correo electrónico guidoguiaturismo@gmail.com
