Calquera momento é bo para subirse ó carro breoganista, pero hai que saber moi ben cales son os momentos nos que é máis importante sacar o peito e o corazón celeste a relucir. E sobre todo, cando resulta máis inoportuno baixarse dese mesmo carro.

É lóxico que un fermoso Breo como o de Llorca e McGhee atraian siareiros. É normal que xurdan lisardistas nunha final da LEB contra o COB tras 9 anos na segunda categoría. O máis natural do mundo que aparezan centos de novos fans de Devin Wright o día que o fillo pródigo ficha polo clube onde o seu pai fixo historia. Pero o máis bonito do breoganismo, onde o carné e o corazón pesan e sorrín de amor, é un frío 23 de xaneiro, dende a 12ª posición da LEB, e onde os nosos ídolos -eses mesmos Lisardo, Wright ou Quique Fraga- nos necesitan no Pazo. No Pazo, ou cando menos co corazón batendo e remando a favor, dende o lugar onde esteamos.
Temos no Breo unha certa tendencia ó optimismo cando revisamos a nosa historia. Ás veces, cando presumimos das 22 tempadas que xogamos na primeira categoría, esquecemos as 26 que xogamos na segunda ou incluso na terceira. Esquecemos ás persoas que nos mantiveron vivos neses momentos onde rozamos a morte, e só nos quedamos con Perasovic, Bonner, Charlie Bell e os nosos momentos de gloria.
Isto que fago é só un recordatorio, unha chamada á memoria, e un alento para os nosos leóns de hoxe. Non trato de ver todo de cor de rosa, pero si lembrar que sen ánimo é moi difícil levantar as cousas.
Aínda menos é isto un intento de clasificar o nivel do amor ó Breo, pois se nos puxésemos a medir a asistencia ó pavillón, seguro que eu sairía perdendo tras case 11 anos de visitas escasas ó Pazo mentres vivín fora de Lugo. Cada un sinte a este clube dun modo e iso non creo que deba ser xulgado nunca (aínda que si deben ser premiados e escoitados con atención aqueles fieis que baixan sempre, neve ou diluvie).
Os sentimentos non entenden de formas, pero si creo importante, sen embargo, o estar aí cando os guerreiros nos necesitan.
Cambiando de tema: canto pensei no Breo cando a semana pasada descubrín en youtube un vídeo dunha hinchada arxentina satirizando ós rivais… recordoume moito a ese breoganismo incondicional que acudiu á súa cita mesmo nos peores momentos dos 50 anos de historia celeste:
“Vos vas a la cancha cuando gana y de local… hoy San Lorenzo te va a enseñar las sensaciones que el futbol te puede dar… alegrías y tristezas de vivir una pasión, esa que el hincha de (…) no lleva en el corazón… por eso quiero contarte que lo importante de fútbol es la pasión… si solo sirve salir campeón, sería lo mismo verlo por televisión…”
Como dirían os memes de moda: “sexamos intelixentes, sexamos coma Xosé”… Neste caso sexamos coma os siareiros de San Lorenzo, coma tantísimos breoganistas que xa son así e desfrutan día a día dun sentimento que non entende de resultados. Construamos dende a crítica, sempre. Estou seguro de que se pode, pois en Lugo sábese moito de basket e tamén de bos sentimentos. Non destruamos… e menos ós que teñen o corazón máis celeste que o ceo nun día despexado.
