En Galicia Confidencial e no GC Tendencias
A penúltima saída ó estranxeiro do 2016 foi a terras celtas. Un paseo por Dublín e Belfast… moi pendente dende sempre! Desta vez non deixei pasar a oportunidade. ..
Descubrín unha combinación interesante con voos de baixo custo (Santiago-Barcelona-Dublín-Lisboa por 81 €), e foi así que aproveitei para visitar por primeira vez as terras dos nosos primos do norte. ¿Non é que algúns dicían que Galicia limita ó oeste con Nova York e ó norte con Irlanda, Inglaterra e a Bretaña? Eu estou dacordo…

Cheguei a Dublín o venres 25 de novembro, case a medianoite, e as sensacións dos primeiros intres foi a mesma que tiven cando cheguei á Bretaña por primeira vez: a de estar na casa, ou cando menos a de non estar nun lugar estraño.
Pensei que faría máis frío, pero o tempo de Dublín non era tan distinto ó que deixara en Galicia uns días atrás. As paisaxes verdecentes, os sorrisos humildes, os ollos mariñeiros…
Sorprendeume moito o wifi por todas partes (incluso nos buses urbanos) e desfrutei moito paseando polas capitais de Éire e Irlanda do Norte. Resultáronme cidades amables como peón, agradablemente verdes, cheas de ambiente e personalidade…
A primeira noite quedei a durmir en casa de Maruxa, unha amiga de Lugo que vive en Dublín. Tomamos unhas pintas por Temple Bar con Álvaro (outro amigo de Lugo que veu para a ocasión) e deitámonos a unha hora prudente para dar unha voltiña pola cidade á mañá seguinte.
Almorzamos, fomos dar unha volta por O´Connell Street e polo centro, comemos algo lixeiro… e ás 14h30 marchei eu no Aircoach a visitar a outro Álvaro (tamén de Lugo… estamos en todas partes) en Belfast. Dato importante: autobús moi cómodo e a moi bo prezo! 23 € ida e volta…

Belfast foi toda unha sorpresa para min. Non tiña tantos datos dela como de Dublín ou doutros puntos da illa… Pareceume unha cidade moi dinámica, con moito ambiente xuvenil e universitario, onde as tradicións seguen vivas e paralelamente se mira ó futuro…
Por suposto visitamos os murais (especialmente no barrio de Falls), o torcido Albert Memorial Clock (erixido no 1869), o City Hall, o bar máis antigo da illa (Whites Tavern, 1630), a Catedral de St. Anne, o Big Fish, a universidade de Queen´s (fundada a mediados do século XIX), o Mercado de St. George (comemos alí o domingo)… formidables lugares!

E antes da noite do domingo, 24 horas despois de chegar a Belfast, xa estaba collendo o bus para regresar a Dublín…
As miñas últimas horas na cidade deron tempo para volver a compartir pintas e charlas con Maruxa e Álvaro, e para visitar, xa só e con calma, a capital de Éire.

Despois dunha cea irlandesa ó lado da estatua de Molly Malone (no O´Neills), o luns pasei o día enteiro camiñando a cidade.
Defrutei moitísimo, como me pasa sempre, da beira do río (neste caso o Liffey), da contorna do Trinity College (a universidade máis antiga de Irlanda, do século XVI) e de variadas atraccións turísticas do centro histórico: o Castelo de Dublín (edificación do século XVIII pero con orixes moito máis remotas), o City Hall, o Spire, Grafton Street, O´Connell Street, a antiga destilería de Jameson…
Pequenas pinceladas dun país tan familiar para os galegos, e que agardo descubrir moito máis próximamente…