En Galicia Confidencial e no GC Tendencias
Sempre sentín que Hungría tiña algo especial… agora puiden descubrilo de primeira man.

O pasado mes de xaneiro fixen unha das viaxes máis interesantes da miña vida. Creo que vai dar pé a máis dun artigo, e por iso quero comezar por só unha das cidades que visitei durante os 15 días que estiven polo centro de Europa: a palpitante Budapest.
Cheguei ó Ferenc Liszt (non pouco simbólico que o aeroporto nacional leve o nome dun compositor) o luns 8 de xaneiro no voo Madrid-Budapest de Ryanair (ida e volta custoume 52 €). Recibiume Hungría cunha baixa temperatura de -10º C, e esa noite converteríase (a -18º C) na máis fría, pero non menos marabillosa, temperatura da miña vida.
Nesa chegada matutina a Budapest fun un pouco preguiceiro, e por non complicarme a vida cas combinacións de transportes urbanos, optei por desprazarme ata o meu hostel (Carpe Noctem) nun servizo de grandes furgonetas que nunca antes vira noutro sitio. Nun mostrador do aeroporto estaba ben anunciado con grandes carteis, e consistía nun sistema organizado por distritos ou zonas. Un collía o seu ticket (custoume uns 12 €) e poucos minutos despois dábanche o aviso -a través dunha pantalla- co número da furgoneta que saía cara o teu destino. Moi práctico! E deixábanche no punto exacto que solicitases.
Emocionado, deixei a mochila na miña taquilla do hostel, e xa comecei a pasear por Budapest. Primeiro destino: o Danubio!!! Ese río que tanto escoitamos/vimos/lemos mencionar na música, na literatura ou no cine. Tamén nas memorias do barrio do meu pai, en Bos Aires. A familia Mihály! Aqueles que tocaban o violín e que todos os domingos ían bailar…

Fascineime co Dunav e converteríase en “lugar común” durante o resto da viaxe. Sábeno ben as persoas que coñecín por alí. Cando me mandaban un whatsapp para saber onde estaba, sempre coincidía que estaba eu polo Danubio… O río de Strauss, Schubert, Mozart, Liszt, Béla Bartók… de tantos grandes.
Os Free Tours, os Hostels, e o Szimpla Kert
Mención especial merecen estes tres servizos turísticos da cidade. Os que me ledes/coñecedes, xa sabedes que son un gran fan das dúas primeiras cousas… parécenme un modo formidable de entrar nas cidades, socializar, e descubrir…
Pois en Budapest estas alternativas viaxeiras son de primeira categoría, polo menos na experiencia que eu vivín! O Carpe Noctem foi un gran punto de chegada (un hostel moi dinámico) e o Avenue Hostel un gran punto para dicirlle adeus a Budapest (un hostel con todas as comodidades e ubicado nun punto difícilmente máis estratéxico: a praza Oktogon). Ambos a prezos moi competitivos (10-12 € por noite) e cunha gran traxectoria ás súas costas.
Os free tours fíxenos coa empresa Free Budapest Walking Tours e a experiencia tamén foi excelente. A guía local falaba un impecable castelán, levounos por sitios fantásticos, deunos moi bos consellos… e no grupo fixemos moi boas migas que serviron para logo seguir visitando xuntos a cidade.
Ese mesmo día do primeiro tour (martes 9 de xaneiro) xa fomos tomar algo ó Szimpla Kert! Que xunto co Danubio converteríase seguramente no meu outro punto favorito da cidade. ¡Qué lugar máxico! Un centro cultural, café, bar, e tantas outras cousas… un lugar de encontro cheo de encanto, vida, e calidez.

As termas e os balnearios
Outro dos imprescindibles de Budapest! Eu fun ás de Széchenyi cos amigos de Granada e Arxentina, e alí fixen máis novas amizades de Alacante e Portugal. Grandes! Coas rapazas de Coimbra (Marta e Vera) tamén fomos tomar algo esa mesma noite (ai Budapest, Budapest…).
¡Qué pasada Széchenyi! Por 15 € pasamos unha tarde impresionante nas distintas augas do balneario… con orixes no século XIX! Aínda que a inauguración oficial foi no ano 1913.

Por suposto estas son algunhas das claves/contrasinais que sempre me gusta compartir con vós, pero logo están todos os lugares clásicos que poderedes atopar en calquera guía sobre Budapest, e ós que por suposto vos levarán nos free tours: a Gran Sinagoga (segunda máis grande do mundo), o Parlamento Húngaro, a Praza dos Heroes, o Mercado Central, a basílica de San Esteban, o castelo de Vajdahunyad, o Bastión dos Pescadores…

Como diría Sabina: “sobran os motivos”… Budapest vale a pena. Para min despois desta viaxe converteuse nun dos meus “lugares no mundo” e agardo voltar e voltar… para outra birra no Zsimpla Kert, para outro café no Mozaik, para outro baño en Széchenyi, para outro chocolate no Mercado Central, para outro paseo polo Danubio…