En Galicia Confidencial e no GC Tendencias
Na memoria queda esa chegada á estación central de Praga nun nevado mércores de xaneiro. Lembrareino sempre coma o maior shock de beleza que vivín nunca. Síndrome de Stendhal.
Algo xa contei no GC sobre a miña viaxe-aventura de xaneiro polo centro de Europa. Un percorrido en tren, durante 15 días, por algunhas das cidades máis fermosas, cultas e apaixonantes do mundo.
Praga foi a miña segunda parada tras Budapest (sobre a que xa escribín hai un par de meses) e lonxe de defraudarme, superou con creces as miñas expectativas. Píntana como tan turística e de moda que eu temía atoparme un parque temático… pero polo menos neste mes de xaneiro non me deu esa impresión. Si está chea de negocios turísticos, si que é unha cidade aberta ó mundo… pero non se parece a eses outros famosos destinos que xa perderon, como mínimo, unha gran parte da súa alma.

Praga mantén unha esencia, unha identidade propia, un estilo auténtico e xenuino. E a miña sensación foi que todos os turistas que por alí pasean son conscientes de estar visitando un lugar preferente do mundo.

Fixen 3 tours, e todos eles con diferentes empresas. Todos saíndo dende a Praza da Cidade Vella:
- O free tour con PRG Tours e o seu guía asturiano Alfonso. Actor profesional e un gran coñecedor da cidade. Levounos pola cidade vella, polo barrio xudeu e tamén por parte da cidade nova. Moi aconsellable na aterraxe a Praga.
- A visita ó campo de concentración de Theresienstadt, con White Umbrella Tours. Custoume 32 € incluíndo a viaxe en autobús (ida e volta). Unha experiencia tan forte como construtiva.
- O tour do castelo de Praga, con Sandemans New Europe. Custoume 11 € que valeron moito a pena. Máis ca un castelo semella unha cidade enteira… non por nada é un dos máis grandes do mundo! Palacios, igrexas, a catedral de San Vito, o calello de Ouro (onde viviu Franz Kafka)… un paseo de máis de 600 anos.

Aloxeime no Hostel Santini, un lugar que recomendo completamente, sobre todo para quen busque tranquilidade e comodidade a bo prezo… 10,5 € por noite! Nun palacio do século XVII, e a só 500-600 metros da Ponte de Carlos. Almorzo gratis, toalla, taquilla, roupa de cama, boa calefacción…

Beleza polos catro costados, monumentalidade, gran presenza de edificios medievais, renacentistas e barrocos… un dos castelos máis grandes do mundo… teatro, música, arte na rúa… e moita historia. Quedan ganas de voltar por Praga, que agora xa é unha das miñas cidades favoritas.