Un mundo de países paseando polo Xistral e pola Galicia de Maeloc

Excursión ó Xistral e á Galicia de Maeloc

Onte foi un deses días que se recordan toda a vida. Porque levamos moito tempo dando paseos por Lugo, pero nunca ata onte sairamos fóra tantas persoas e de tantas nacionalidades. Os astros aliñáronse e ademais da meteoroloxía favorable -para estar no mes de marzo- xuntámonos nada menos que 46 persoas de 13 países e varios continentes.

Italia, China, México, Brasil, Ecuador, Holanda, Chile, Polonia, Colombia, Turquía, Perú, Venezuela…

Comezamos o día facendo un pequeno treito da ruta da Pena Abaladoira, fonte de mitos e lendas galaicas, e un dos lugares máis fermosos e suxestivos da serra do Xistral. Guiounos o gran Pedro Rolle! Valadourense, mariñán, e promotor da gran iniciativa ecoturística “O Freixo dos Lobos”

Pena Abaladoira

Máis tarde achegámonos a Alfoz e alí fixemos unha camiñada duns 3,5 quilómetros a carón do río Ouro… un elemento natural imprescindible que, xunto cos cumios do Xistral, é marca de identidade destas terras do interior da Mariña Lucense.

Acto seguido camiñamos ata o Castelo de Castro de Ouro, popularmente coñecido como a Fortaleza do Mariscal Pardo de Cela… unha construción do século XIV e un símbolo da rebeldía irmandiña galega.

Pola tarde foi tempo de visitar unha das antigas 7 capitais do Reino de Galicia: o Mondoñedo máxico de Álvaro Cunqueiro. Parada imprescindible do Camiño Norte a Santiago, e cunha catedral recentemente recoñecida pola UNESCO como Patrimonio Mundial da Humanidade.

Catedral de Mondoñedo (s. XIII). Patrimonio da Humanidade UNESCO

Visitamos tamén o seu fermoso barrio dos Muíños! E a súa mítica Ponte do Pasatempo… onde di a lenda que o bispo Fadrique de Guzmán mandou entreter á muller de Pardo de Cela (que traía o indulto real para o Mariscal) mentres apuraban a súa execución na Praza de la Catedral.

Rematamos un día inesquecible nun lugar imprescindible… o Castro de Viladonga! Un dos poboados galaico-romanos máis fermosos e mellor conservados de toda Galicia. Voltaremos!

Castro de Viladonga

A %d blogueros les gusta esto: