A rúa máis fermosa de Lugo, e unha das máis fermosas do mundo

Segunda colaboración para a revista “Fogar de Breogán”, a revista do C.B. Breogán

Os que me coñecen xa saben da miña fixación e filia polo barrio do Carme. Paréceme unha verdadeira xoia, paradoxalmente agochada nun dos lugares máis visibles, céntricos, e fermosos da nosa cidade. Un patrimonio que en certos sensos ten características semellantes ás da nosa querida Muralla Romana: un tesouro de interese mundial, con moitísimos séculos de vida, conservado dun xeito auténtico e inverosímil (tendo en conta que está en pleno centro dunha cidade capital durante máis de dous milenios), e que recén nos albores do terceiro milenio d.C. comeza a tomar o valor que lle corresponde a un lugar tan cargado de historia e beleza. Unha gran marabilla entre a gran listaxe de reliquias que os azares da historia nos permitiron conservar en Lugo.

Son moitos os atractivos históricos e naturais do barrio, pero neste caso voume centrar nun en particular: o Regueiro das Hortas. Un sendeiro bimilenario (Vía Romana XIX) no que hai case 1200 anos naceu o patrón da nosa cidade (San Froilán), polo que camiñan peregrinos dende hai máis dun milenio… e que dende o ano 2015 é recoñecido pola UNESCO nada menos que como Patrimonio da Humanidade (Camiño Primitivo a Santiago).

Subín a primeira destas fotos ás redes estes días (con bastante éxito en canto a reaccións) e tituleina como o que é: a rúa máis fermosa de Lugo, e unha das máis fermosas do mundo. Non é a primeira nin a última vez que o farei. Fareino milleiros de veces, ata que, polo menos os case 100.000 habitantes que habitan en Lugo, sexan conscientes de ter no seu rueiro a todo un tesouro da humanidade: o Regueiro das Hortas.

A %d blogueros les gusta esto: