Onte retomamos, estreando o 2018, as nosas xa clásicas excursións dos sábados! Foi ocasión de visitar un dos lugares máis espectaculares do noroeste ibérico: a Paisaxe Cultural das Medulas!
Unha vez máis estivemos acompañados por xente dunha chea de países: gregos, arxentinos, mexicanos, uruguaios, ingleses, colombianos, portugueses, estadounidenses, venezolanos… un grupo tan heteroxéneo como xenial co que visitamos a maior mina de ouro a ceo aberto do Imperio Romano: Patrimonio da Humanidade UNESCO desde o ano 1997.
Contamos coa marabillosa guía local Ángeles Arias Neira, que nos contou moitísimas cousas sobre a historia, características e peculiaridades desta bimilenaria e formidable explotación aurífera.
Quedámonos abraiados con tanta beleza! Para máis, dixéronnos que onte foi a primeira vez en moito tempo con tanta cantidade de neve no territorio das Médulas…
Pola tarde aproveitamos a ocasión para descubrir xuntos a cidade dos templarios! Un gran paseo pola preciosa Ponferrada.
Por suposto non nos perdemos a gran xoia desta cidade… o Castelo dos Templarios! Unha fortaleza case milenaria…
Gran paseo polo Bierzo, comarca que nos encanta e á que esperamos volver moi pronto!