Todos os anos desfruto coa coincidencia de cumprir anos de colaboración con Galicia Confidencial, e o Día das Letras Galegas… unha fermosa casualidade!
A historia comezou cando residía eu en Napoli, nunha etapa de moitísimas vivencias, e na que amigos e familiares me animaban a compartir dalgún xeito todo o que estaba experimentando grazas á beca Erasmus Mundus e ó programa de estudos Maclands.
Viña de vivir sete meses en Saint-Étienne (Francia), estaba na metade dun semestre no sur italiano, e tiña por diante dous semestres máis: un en Stuttgart (Alemaña), e outro facendo prácticas nunha consultora turística na Bretaña.
O primeiro artigo escribírao sobre a Ribeira Sacra, aproveitando a formación que estaba recibindo no máster (Xestión de Paisaxes Culturais), e a partir de aí outros 42 artigos sobre viaxes, cultura, historia, deporte…
Unha experiencia formidable e unha oportunidade que sempre lle agradecerei ó director de GC, Xurxo Salgado. Que sexan moitos anos máis!