Vouvos contar unha historia relacionada co especial momento que vou vivir en Madrid este sábado na final do concurso #SeBuscaTriplista2019 🏀👌 de KIA en Zona e ACB – Asociación Clubes Baloncesto… a historia é: de ónde ven a miña afección polos lanzamentos lonxanos a canastra?
O inicio de todo foi, obviamente, a chegada do baloncesto á miña vida. Quen foi o responsable? O amigo do meu pai Juan Miguel Prada Tabanera, famoso pintor segoviano afincado en Lugo, e ex-xogador e adestrador do noso Breo entre outros. Con 6-7 anos de idade regaloume un mítico balón Baden e axudou a instalar unha canastra no muro da miña terraza do barrio do Carme.
Así comezou todo, tirando horas e horas na miña terraza cos meus veciños, e apuntándome a baloncesto no meu colexio, o CEIP Anexa.
E que pasou despois? Por qué os lanzamentos a distancia? Sempre digo o mesmo… eu vía que non destacaba en ningún dos aspectos “clásicos” do basket e dixen… pois vou facer algo distinto! 😂 Así que de moi cativo comecei a tirar dende o máis lonxe que podía, e pouco a pouco a cousa foise extendendo ata miña actual faceta de lanzador dende o medio do campo e incluso máis alá 😂 Tamén me gustan os lanzamentos “divertidos” en xeral, como tirar apoiándome nas paredes, no chan, por enriba das vigas dos pavillóns, dende as costas do parque… un pouco estilo Globetrotters!
Fun afinando esa habilidade ata as miñas actuais “altas porcentaxes” (o meu récord de costas dende o medio é 5/7) e así estamos…
Pero quería compartir este outro recordo e punto de inflexión! Comecei a crer que tiña unha boa habilidade ese día que indica o artigo… xuño do ano 2000, con 14 anos, chegando á final do concurso de triplas do mitiquísimo “3×3 Deporte na Rúa” que se xogaba na contorna do glorioso Parque Rosalía.
Que sensación! Estar con 14 anos entre os 7 mellores lanzadores de Lugo… nunca o esquecerei! Tirando diante de todos os meus amigos e coñecidos naquela cancha central espectacular que montaban na praza de Avilés…
Non gañei aquel concurso, é máis, non gañei ningún ata hai uns poucos anos na Coruña! Moitas finais, pero sempre quedando co mel nos beizos. O vindeiro sábado estarei nesa finalísima a nivel estatal… fareino o mellor posible! Pero ante todo, desfrutando e rindo coma un neno! I LOVE THIS GAME 🙂❤️🏀