O Carme: savoir-faire ecolóxico e bimilenario no centro de Lugo

Reportaxe publicada no Nós Diario o 12 de xuño do 2020

Moitas veces as mellores claves para o futuro atopámolas mirando cara atrás. No barrio do Carme, en Lugo, temos un exemplo paradigmático de como as esencias do pasado poden axudarnos a construír mellores cidades para o novo mundo

Despois dun lustro traballando como guía e case vinte anos no sector do turismo, acumúlanse centos de recordos e intercambios culturais. E dígoo sempre: ningún lugar de Lugo sorprende tanto -quizás polo factor sorpresa- como o barrio do Carme. Nin a Muralla. Nin a Catedral. Nin o Miño. Ningún espazo da cidade abre tanto os ollos dos visitantes como ese recuncho libertario e rural encaixonado entre a Muralla e a beira do Miño .

Por que un barrio coma este pode aínda existir no século XXI nunha cidade de case 100.000 habitantes? O recentemente publicado libro de Ramón Cabarcos (O Carme, 1969) titulado “O barrio do Carme de Lugo, evolución histórica e urbanística” danos moitas pistas. Anotade na lista de lecturas recomendadas.

Esta imaxe ten o atributo alt baleiro; o se nome de arquivo é 001-rc3baa-do-carme.jpg
Solpor no Carme dende a Muralla Romana (Guido Álvarez Parga)

QUE TEN DE ESPECIAL O BARRIO DO CARME?

Ademais das xa mencionadas características únicas de ser un barrio totalmente rural en pleno centro dunha cidade bimilenaria e capital, o barrio do Carme conta con atractivos históricos e naturais de primeira tanto a nivel lucense como a nivel galego e internacional: é o barrio da saída cara Compostela do Camiño Primitivo en Lugo, tamén da Vía Romana XIX, da Vía Künig (a que percorreu o famoso monxe alemán no século XV), tamén o barrio de nacemento do patrón de Lugo San Froilán nese mesmo século IX no que o rei Alfonso “O Casto” convertíase no primeiro peregrino a Santiago da historia… e tamén un barrio de intensa riqueza natural.

Sendo parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño, no Carme nace un afluente do propio Miño, e destacan no barrio a cantidade de especies de flora e fauna que o habitan. Non son motivos dabondo? Pois tamén destaca neste espazo de terra a confluencia ou proximidade con elementos Patrimonio Mundial: no Carme hai unha enorme concentración de muros a xunta seca (técnica construtiva recoñecida no 2018), o propio Camiño Primitivo (recoñecido no 2015), a Muralla Romana (recoñecida no 2000), e poucos metros de distancia coa Catedral de Santa María (recoñecida no 2015). Catro patrimonios mundiais, e Reserva da Biosfera UNESCO!

IMPERDIBLES DO CARME

O Regueiro das Hortas, a rúa máis fermosa do mundo

É o gran camiño do Carme, a “autopista romana” de saída cara a Iria Flavia e Bracara Augusta, e a saída da cidade amurallada para milleiros de peregrinos a Compostela incluíndo dende ó monxe alemán Hermann Künig no século XV ata ó primeiro de todos, o rei Alfonso “O Casto” no século IX. Nesa mesma época, no ano 833, naceu no Regueiro o patrón da cidade, San Froilán, feito histórico rememorado nunha homenaxe pétrea ó lado da capela do Carme. Encaixonado por preciosos muros a xunta seca (verdadeiras reliquias de época medieval), e cunha vexetación de fantasía, a rúa máis fermosa do mundo (e unha das que teñen máis historia) está en Lugo.

Esta imaxe ten o atributo alt baleiro; o se nome de arquivo é 002-regueiro-das-hortas.jpg
O Regueiro das Hortas este mes de maio (Guido Álvarez Parga)

A igrexa do Carme, antiga capela da Virxe do Camiño

Templo do século XVIII, construíuse sobre a vella ermida da Nosa Señora do Camiño, da que se conserva un retábulo do século XVI. Coma todo o barrio do Carme, ten unha enorme relación ca peregrinaxe a Compostela, e un paralelismo histórico ca cidade en canto a súa evolución: especúlase que puidese haber neste lugar un antigo templo romano, que foi evolucionando ata o actual.

Esta imaxe ten o atributo alt baleiro; o se nome de arquivo é 003-barrio-do-carme.jpg
O campanario da igrexa do Carme no seu contexto urbano, o bimilenario Recatelo ó fondo (Guido Álvarez Parga)

Sala de exposicións Porta Miñá

Parada obrigada no comezo ou final da visita ó barrio. De acceso gratuíto, este pequeno museo explica como se configurou a cidade romana de Lucus Augusti seguindo todo o seu proceso evolutivo.

Os altos muros que comezan na rúa do Vicedo

O exemplo dos muros a xunta seca (Patrimonio Mundial da UNESCO dende o 2018) do Regueiro das Hortas repítense ó ancho e largo de todo o barrio… pero é no tramo que comunica a rúa do Vicedo ca rúa do Carme onde podemos ver os exemplos máis chamativos.

Esta imaxe ten o atributo alt baleiro; o se nome de arquivo é 004-altos-muros.jpg
Os altos muros a xunta seca (Patrimonio Mundial dende o 2018) do barrio do Carme (Guido Álvarez Parga)

A imaxinación do posible anfiteatro romano

É unha teoría exposta polo arquitecto e investigador Sánchez-Montaña, unha das persoas máis implicadas na posta en valor e recoñecemento da riqueza patrimonial e histórica do barrio do Carme. Ubícao xustamente entre a sala de exposicións Porta Miñá e eses altos muros da rúa do Vicedo.

Afluente do Miño

As augas do Regueiro das Hortas son consideradas un afluente do Miño no contexto da Reserva da Biosfera UNESCO. Nacen na rúa do Vicedo e desembocan preto da Ponte Romana. Vale a pena tratar de seguir o seu cauce.

Praciña do Carme

Pegada á Muralla Romana, unha praciña encantadora e cun alentador futuro. Soan varios posibles proxectos culturais para ela, e a peonalización da ronda exterior da Muralla realzará aínda máis o seu valor.

A rúa do Carme

Outra das vías principais do barrio, conecta a Muralla co barrio da Pousadela, e tamén é unha interesante vía de acceso ó Miño das Saamasas.

As hortas dos Bispos

Non podemos deixar de lado un dos valores históricos e naturais do barrio, símbolo e carácter do mesmo: o barrio foi, é, e debería seguir sendo unha terra de cultivo. Cunha climatoloxía privilexiada, O Carme é unha como mínimo milenaria horta e sustento da cidade. Queremos produto quiómetro 0? Para o centro de Lugo non habería máis 0 que as leitugas e cenorias do Carme… un barrio do vello e do novo mundo.

Esta imaxe ten o atributo alt baleiro; o se nome de arquivo é 005-paseantes.jpg
Paseos no barrio do Carme (Guido Álvarez Parga)
A %d blogueros les gusta esto: