Reportaxe publicada no Nós Diario o 10 de xullo do 2020
Cando os romanos chegaron a Lugo construíron un campamento militar nas alturas, pero tamén puxeron as ¿primeiras? pedras dun dos barrios máis fermosos e antigos da Galiza: A Ponte, tamén coñecido por moitos como barrio de San Lázaro. Dous mil anos despois, curiosamente segue a ser, por sorte, o paraíso segredo da capital lucense.

Cantos habitantes de cidades de 100.000 habitantes no mundo terán o privilexio de pasear por unha Reserva da Biosfera UNESCO sen saír do seu municipio? Na Península Ibérica só os lucenses poden facelo, co gozo engadido de desprazarse por ela a través de sendeiros e camiños milenarios, calzadas romanas, unha das pontes galegas máis antigas… e visitando termas romanas ou conxuntos histórico-artísticos coma o de San Lázaro.
O paseo por ambas marxes do río Miño é unha verdadeira fuxida da vida urbana (por sorte sempre relativa no caso de Lugo) a menos dun quilómetro do pleno centro neurálxico da cidade. Ese histórico “vivir de costas ó río” de Lugo, inexplicable a día de hoxe, ten como resultado a marabilla de poder contar en pleno século XXI cun paraíso verde, natural, sen artificios, en plena cidade. Máis aínda se conectamos A Ponte co barrio do Carme, coa Cheda, ou coas Costas do Parque Rosalía… eixos sostibles en conexión coa Muralla Romana e que poden ser garantía dun gran futuro.
Que é o que non podemos perdernos deste quilómetro cero para os sendeiristas e amantes da natureza que veñan a Lugo?
PONTE ROMANA
Símbolo dunha época, da evolución histórica da cidade, e da conexión de Lugo con Bracara Augusta, con Compostela, e co mundo… a Ponte Romana marca a identidade do barrio. En torno a el xirou e xira toda a vida dunha veciñanza que mudou varias veces o seu xeito de vivir durante a historia, e incluso nos últimos cen anos. Dende as épocas das casas dos “bañeiros” ata a peonalización da última década, pasando polos xogos dos nenos no “volcán do Parque Marcos Cela” no século pasado… o anecdotario é infinito.

TERMAS ROMANAS
As termas romanas ou baños romanos son os restos do antigo balneario de Lucus Augusti (o nome da cidade na época do imperio) que aínda a día de hoxe seguen conservadas e acompañando a unha moderna instalación coa mesma fin que a orixinal. Con orixe no século I a.C. (na época na que se fundou a cidade), declaradas Monumento Histórico-Artístico no 1931, as Termas son un dos atractivos máis visitados polos viaxeiros que veñen a Lugo.
CALZADA DA PONTE / CALZADA ROMANA
A Calzada da Ponte, vella Calzada Romana, é a arteria principal do barrio e o centro da súa vida actual. Ademáis de ser o trazado da vella Vía Romana XIX, é tamén Camiño Primitivo a Santiago e Vía Künig (a que percorreu o famoso monxe alemán no século XV). Na súa parte máis próxima á Ponte, é famoso o ambiente festivo, recreativo e gastronómico que lle dan os locais e negocios da zona… Imperdible!

CONXUNTO MONUMENTAL DE SAN LÁZARO
As especulacións sobre as orixes do conxunto histórico de San Lázaro remóntanse a distancias temporais case milenarias. O vello lazareto, a igrexa/santuario e o cemiterio son un verdadeiro convite a viaxar no tempo, e o segundo centro do barrio. Durante as festas arrodéase de “rosquilleiras” que xeración tras xeración transmiten o sabor máis xenuino e propio do barrio.

SOLDADO ROMANO
Aínda que a súa existencia é recente, a estatua do soldado romano é unha icona turística do barrio. Poucos son os viaxeiros que se resisten a fotografarse con este símbolo do Arde Lucus (a nosa festa histórica) e da chegada todos os anos dos romanos a Lugo durante o mes de xuño.
PASEOS FLUVIAIS
Ambas marxes do Miño teñen os seus encantos. Non poden competir. Do lado leste está máis “modernizado” e preparado para o paseo accesible para todos, e do lado oeste de momento conserva máis atractivos naturais “sen tocar”. Pasear ata Orbazai, As Saamasas, A Tolda ou Cuíña son algunhas das mellores opcións.

PANADERÍAS
O barrio da Ponte foi sempre coñecido como barrio de panaderías. O cheiro da vella estrada de Santiago é inconfundible e leva máis dun século acompañando as mesas e xantares dos lucenses. Aínda hoxe seguen vivos algúns establecementos que superan o século e medio de historia… case nada!
BOSQUES DE SAN LÁZARO
Unha das paraxes menos coñecidas de Lugo e cun potencial infinito. Os bosques que se atopan entre a Pasarela de San Lázaro e Pontegaos son un verdadeiro agasallo da natureza e da historia. Atoparedes pouca ou nula información sobre eles nas redes, pero non vos arrepentiredes de visitalos. Son pasado e futuro, como tamén o é e o será sempre o barrio da Ponte.
