O Carme, por vez primeira

Artigo publicado no Nós Diario o 24 de outubro do 2020

O Concello de Lugo anunciou inminentes melloras que serían a primeira aposta real polo barrio

Esta semana o lucense barrio do Carme celebrou posiblemente unha das mellores noticias dos seus máis de 2000 anos de historia: de momento non é máis que un compromiso, pero é o primeiro compromiso concreto de pór en valor o inmenso patrimonio histórico e natural dun barrio xenuíno e único no mundo.

Conectar e unir á cidade alta co Miño é un asunto pendente dende a época romana, e a intención de saldar esta débeda coñecémola dende que hai uns anos se presentou o plan Muramiñae… pero non foi até agora, outubro de 2020, que vemos compromiso e medidas concretas para a posta en valor e protección dos tesouros e reliquias do barrio.

Hai xusto tres meses escribiamos unha reportaxe “O Carme: savoir-faire ecolóxico e bimilenario no centro de Lugo” neste mesmo diario, describindo e pormenorizando as bondades e marabillas que O Carme leva agochando polo menos dous milenios…  Vía Romana XIX, Camiño Primitivo, Vía Künig, lugar de nacemento de San Froilán, Reserva da Biosfera Terras do Miño, muros a xunta seca Patrimonio Mundial UNESCO dende o 2018, reduto rural e libertario en plena cidade no século XXI, lugar de nacemento dun afluente do Miño (no Regueiro das Hortas) en pleno centro histórico…

Despois de moitos anos traballando polo Carme alegra, e moito, que a administración faga por primeira vez na historia unha aposta por el. Seguiremos pendentes, observando e criticando todo o que consideremos, pero de momento é tempo de celebración. Ogallá moi pronto todos os galegos e terrícolas podan descubrir un barrio que é patrimonio galego e universal.

A %d blogueros les gusta esto: