O primeiro peregrino medrou en Samos

Artigo publicado no Nós Diario o 19 de decembro do 2020

Alfonso II o Casto e os vellos reinos que tanto explican

Interior do mosteiro de Samos

O 2021 será o primeiro ano Xacobeo co Camiño Primitivo declarado como Patrimonio da Humanidade.  Xa son cinco anos dende a declaración da UNESCO, case mil douscentos de andainas entre Oviedo e Compostela, e máis dun milenio dende que se recoñeceu ao rei Alfonso o Casto como o primeiro peregrino da historia.

A ruta que atravesa o vello reino segue a ser unha das máis fermosas e ricas en patrimonio e paisaxes: un antiquísimo percorrido a través dunha vella calzada romana, a “autopista do ouro” que no seu tempo unía Lucus Asturum (actual Lugo de Llanera, moi preto de Oviedo) con Lucus Augusti (Lugo).

O que moita xente non sabe é da historia dese primeiro peregrino, e, menos aínda, da súa gran vinculación coa provincia de Lugo. Aínda que Alfonso II naceu e morreu en Oviedo, viviu na Serra do Courel e durante toda a súa nenez foi educado no mosteiro de Samos: esa gran reliquia beneditina que garda tanta relación co Camiño.

Era o Casto profundo admirador da primeira gran metrópole do país galego, Lugo, que daquelas conservaba restos do esplendor romano e suevo, e xestaba no Regueiro das Hortas o nacemento de San Froilán. O seu respecto pola cidade fixo que lle outorgase o “principatum ou capitalidade” no ano 832, así como que recomendase aos construtores da catedral de Oviedo que tomasen o exemplo da basílica luguesa, e do modelo suevo-galaico de Lugo, para as edificaciones astures.

De a pouco a divulgación e a promoción do primeiro itinerario xacobeo están a permitir a aproximación á historia dunha das súas figuras máis importantes, que serve ademais para reivindicar os grandes lazos que dende tempos ancestrais unen a todos eses pobos mencionados entre Oviedo (e máis alá) ata Fisterra. Seguiremos compartindo.  

A %d blogueros les gusta esto: