Entrevista en La Voz de Galicia publicada o 12 de xaneiro do 2021
O impulsor de Guido Guía comeza o ano con novos proxectos para dar a coñecer os barrios da cidade e «o Lugo menos coñecido»

O guía oficial de turismo Guido Álvarez (Lugo, 1985), responsable de Guido Guía, comeza o ano con moita enerxía e novos proxectos. A pesar das restricións e as preocupacións pola pandemia, as ganas dos cidadáns de gozar coas rutas ao aire libre que propón pola contorna e a capacidade de Guido para reinventarse e adaptarse ás novas circunstancias con proxectos atractivos, fan das súas propostas un éxito asegurado.
-Con que iniciativas comeza este 2021?
-Despois dunha pausa na actividade en novembro e decembro, retomei os paseos guiados, sobre todo, para animar á xente. Por agora, son grupos de seis persoas. Por un lado, continúo co programa do Lugo menos coñecido (#OLugoMenosCoñecido) e comezo o primeiro proxecto novo do ano, polos barrios (#BarriosLucenses). A idea dos paseos polos barrios xurdiu porque nestes anos coñecín a moita xente dos barrios de Lugo que participaban nas rutas e contaban anécdotas e curiosidades da zona, e iso é un gran plus porque se xera un intercambio moi importante. Así que nestes paseos contarei polo menos cun veciño do barrio ao que darlle protagonismo para que conte anécdotas, curiosidades… e eu tamén seguirei dando as miñas explicacións como guía. Esta singularidade creo que fai moi especiais estes paseos porque non é fácil que suceda esa interacción noutros lugares. E creo que ocorre porque Lugo, a pesar de ser unha cidade mediana, é moi familiar.
-Cales son os próximos paseos?
-O próximo será este domingo, día 17, polo barrio de Castelo, e esta semana anunciarei novas datas para o que queda de mes. As inscricións poden facerse no correo guidoguiaturismo@gmail.com, nas miñas redes ou na canle de Telegram de Guido Guia. Tamén seguirán os paseos do Lugo menos coñecido e, cando poida subir o aforo, retomarei o Redescubrindo Lugo e repetirei os proxectos do ano pasado, porque tiveron moito éxito. En calquera caso, cada vez estou máis consolidado como guía na cidade e na provincia porque aquí hai moito potencial e necesitamos dálo a coñecer.

-Están tendo moita demanda estes paseos…
-Pola lista de agarda que manexo, de non haber restricións de aforo, nos cinco que levo feitos en xaneiro terían participado máis de trinta persoas en cada un.
-E como foi o 2020?
-Foi un ano de moitas preocupacións e restricións, pero o meu proxecto (comecei como autónomo en agosto do 2019) tivo un grande avance. O turismo de proximidade gañou moita relevancia, pola situación de pandemia, pero tamén porque era unha tendencia que tiña sentido que chegase, a xente ten ganas de coñecer a súa contorna. Realicei 23 capítulos de #OLugoMenosCoñecido; impulsei o #LugoFavorito; iniciei #RedescubrindoLugo, pola provincia; comecei Coidemos Lugo, con Salva Arco; realicei paseos de #ArteUrbana e #LugoFotográfico; comecei como titor no grao de Turismo da UNED; colaborei con Diaconía España; fixen #AMariñaEnRuta con Pedro Rolle; os paseos de Paulo Fabio Máximo coas asociacións do Arde Lucus e o Concello; os Pasos ó solpor; #AndainasPolaSostibilidade; paseos polo #LugoXenealóxico; paseos pola Reserva da Biosfera… E todas as actividades enchéronse, con listas de agarda a veces de ata 40 persoas, mesmo con aforos de 25, e fundamentalmente, con xente de Lugo.
-Foron «terapéuticos» eses paseos?
-Moita xente atopou nos paseos unha vía de escape, unha desconexión, un certo carácter terapéutico, e coa pandemia iso tomou máis relevancia. Ademais, participa moita xente que está recén chegada a Lugo, para socializar, integrarse… e resulta curioso que cando comezo os paseos pregunto se alguén ten problema para entender o galego, e todos, mesmo os estranxeiros, piden que o faga en galego porque o ven como unha oportunidade de inmersión lingüística.
