O tempo das contornas

Artigo publicado no Nós Diario o 17 de setembro do 2021

Os centros históricos seguen a ser polos de atracción turística, pero cada vez máis visitantes optan por descubrir as contornas das cidades e vilas nas súas viaxes

Aínda é hoxe recorrente o recurso de chegar a calquera cidade e buscar o seu centro histórico, o seu casco urbano… pero, cada vez máis, os viaxeiros buscamos perdernos polos barrios e contornas das cidades, na procura de esencias diferentes e únicas. Todos queremos experimentar algo curioso que poder comentar e compartir cos amigos, todos queremos facer algo que se saia do de sempre… e esa é a grande oportunidade dos barrios e das contornas.

Se é a nosa primeira visita, dificilmente quereremos perdernos o Ferrol da Ilustración, a améndoa compostelá, a Cidade Vella coruñesa, o Casco Vello vigués ou os centros históricos de Lugo, Ourense e Pontevedra. O mesmo con Mondoñedo, Betanzos, Tui, Monforte ou Ribadavia… Pero xa non abonda. Xa queremos algo máis.

Vistas dende o Monte San Pedro, na Coruña (Foto: Guido Álvarez Parga)

Os xeodestinos non son alleos a esta realidade e cada vez son menos os concellos e comarcas que non apostan por recursos que claramente buscan a apertura dos centros urbanos cara as periferias e contornas: proxectos de arte urbana nos barrios e parroquias, rutas naturais nas proximidades dos centros, mercadiños e eventos espallados polos planos… son algúns bos exemplos.

EN BICI E A PÉ

Outro claro exemplo desta nova tendencia é a cada vez máis consolidada aposta das cidades pola mobilidade sostible, en bici e a pé, e tamén noutros tipos de vehículos eléctricos ou sen motor. Non son alleos os xestores ao feito de que en toda Europa os viaxeiros alugan, cada día máis e máis, patinetes e biciclos para percorrer o territorio moito máis alá das fronteiras clásicas. O metrominuto de Pontevedra, os novos carrís-bici que están a implantarse en toda Galiza, incluso os proxectos de itinerarios ciclistas para desprazarse entre vilas… non son casualidade.

O sendeiros dos pescadores, no concello das Neves (Foto: Guido Álvarez Parga)

ALGUNHAS EXPERIENCIAS PARA VIVIR

Camiñar dende a Cidade Vella coruñesa ata o Monte de San Pedro atravesando barrios senlleiros como Labañou, gozando de escenarios rurais inéditos na metropolitana Coruña, e de panoramas oceánicos extraordinarios.

Cruzar a pé a eurofronteira entre Tui e Valença cunha boa camiñada pola beira do Miño e por algúns tramos do Camiño Portugués cara Compostela.

De Tui a Valença pola beira do Miño

Facer a ruta dos rusos de Navia, paseando polas intervencións artísticas en ferro dos creativos Pavel Yakushev e Alisa Smirnova, e gozando así de distintas perspectivas deste precioso concello no corazón dos Ancares.

Descubrir o sendeiro periurbano de Ourense, promovido polo propio concello. Un percorrido de máis de 20 quilómetros a través de barrios tradicionais e de paisaxes naturais inagardadas.

Ir de tapas ao lucense barrio da Milagrosa e descubrir o que que é, para moitos, un epicentro gastronómico galego. Listaxes de máis de 20 tapas diferentes nalgúns establecementos, produtos do país, un ambiente auténtico, e a posibilidade de acompañar o paseo cun fermoso roteiro de graffitis… xa que é este o berce de moitos artistas da cidade.

Barrio da Milagrosa, en Lugo

Percorrer Carballo a través dos murais do Rexenera Fest e do Derrubando Muros, un xeito de coñecer a fondo todos os recunchos da vila ao tempo que gozamos do mellorciño da escena galega, estatal e internacional do mundo da arte urbana.

Arte urbana nos barrios de Carballo, na comarca de Bergantiños

Pedalear dende o centro de Ribadeo ata a ría do Masma, gozando así de paisaxes únicas como a do faro de Illa Pancha, a Praia das Catedrais, os incribles areais de Barreiros, ou a formidable desembocadura deste río que bica o mar en terras barreirenses e focegas.

A ría do Masma, entre Foz e Barreiros

Perderse polo Sendeiro dos Pescadores, no concello das Neves, e descubrir a beleza dos últimos quilómetros do río Miño antes do seu encontro co Océano Atlántico. Vale a pena darse un chapuzón nalgunha das áreas acondicionadas para o baño.

Viaxar a pé dende o centro histórico de Mondoñedo ata o seu barrio dos Muíños, e coñecer alí un dos enclaves máis importantes da artesanía galega. Olería, monicreques, cantería ou serigrafía nun barrio histórico atravesado por canles que no seu día permitían levar a cabo estas actividades aproveitando o recurso natural.

Barrio dos Muíños, en Mondoñedo

Ascender ao muíño do Campo da Torre, en Ortigueira, e divisar dende alí a fermosa paisaxe dunha ría que ano a ano namora a milleiros de persoas no Festival do Mundo Celta.

Desprazarse a pé ata o Monte Pedroso compostelán, non sen antes percorrer o paseo fluvial do río Sarela. Calquera momento é bo para subir e gozar dunha das vistas máis emblemáticas da cidade.

Soñar pola beira do río Madalena, en Vilalba, polo paseo que leva xustamente ese nome: o Paseo dos Soños. Un lugar ideal para descubrir a cultura da Chaira, unha das comarcas máis poéticas, fantásticas e belas da nosa terra.

A %d blogueros les gusta esto: