O proxecto Guido Guía polo patrimonio menos coñecido viaxa a Vigo e Pontevedra

Despois dunha gran afluencia de participantes nos tres primeiros paseos guiados por Ferrol, Lugo e A Coruña, o proxecto Guido Guía viaxa o 29 e 30 de outubro a Vigo e Pontevedra para compartir o patrimonio e lugares menos coñecidos destas cidades galegas.

Tras tres anos de variadas propostas e actividades na cidade de Lugo (30 capítulos/paseos do proxecto #OLugoMenosCoñecido) e na provincia (en máis da metade dos seus concellos) este outono a iniciativa abriuse ás outras tres provincias galegas.

Os tres primeiros itinerarios foron moi diferentes e deseñados para tipos de grupos distintos: 48 e 46 participantes en Ferrol e Lugo por 132 asistentes no último paseo guiado pola contorna da Coruña. Agora para Vigo e Pontevedra volverase á dimensión dos dous primeiros paseos e ademais cunha novidade moi importante: a colaboración doutros dous guías oficiais de turismo de Galicia: o vigués Borja Concheiro e a pontevedresa Cora Velasco.

En Ferrol percorreuse o barrio de Canido, A Malata e a contorna da ría; en Lugo descubrironse curiosidades do barrio do Carme; na Coruña camiñouse pola historia da Cidade Escolar, Agra do Orzán, Visma, Parque de Bens ou O Portiño… que nos agardará en Vigo e Pontevedra? De momento só sabemos os puntos de inicio de ambos paseos: o Parque Amalia Álvarez pontevedrés, e O Sereo vigués na Porta do Sol.

Despois disto aínda virán moitos máis paseos: Ourense (6 de novembro), Tui (12 de novembro), Compostela (13 de novembro), Mondoñedo (19 de novembro), Monforte de Lemos (20 de novembro) e Betanzos (27 de novembro). Cada un dos paseos ten un custo de 10 € (IVE incluído) por persoa, hai desconto do 30% para menores de 18 anos e gratuidade para menores de 4 anos. Tamén a posibilidade de adquirir bonos de 5 paseos guiados por 40 €. As incricións deben efectuarse a través do correo guidoguiaturismo@gmail.com

A %d blogueros les gusta esto: