Arxentina e Galiza: toda unha vida de sentimentos

Ben é sabido que nos momentos emotivos é cando mellor flúen a creatividade e a expresividade… así me pasa polo menos a min, coas emocións nácenme necesidades de expresar e compartir…

Moitos de vós coñecéstesme despois do 2019, no momento no que me fixen autónomo, e polo tanto este 2022 é a primeira vez que me vedes en “modo Mundial”… algúns estaredes flipando!! 🤣🤣 Pois así me veredes unha vez cada catro anos 😊😊 Que forte é o sentimento de arxentinidade! Non máis, nin tampouco menos, que o de galeguidade… teño a sorte de ter un corazón dobre, pero todo pintado de celeste e branco 🤍💙

A verdade é que estou moi orgulloso da identidade e dos sentimentos da miña familia, os que me ides coñecendo xa vos dades conta… orgullo galego e orgullo arxentino máximo. Os 365 días do ano…

Todo esta historia comezou co meu avó Manuel, nacido en Xestoso da Fontaneira (Baleira), que foi o primeiro Álvarez en emigrar á Arxentina… Pois el é o principal ou polo menos primeiro responsable deste amor infinito.

O meu pai, tamén Manuel, nacería alá 💙🤍 e el sería un pouco como eu pero ao revés… un galeguísimo nacido en Arxentina. Todos nós somos así, dobres! Incluso na miña familia materna tamén temos varios irmáns da miña avoa que emigraron a Bos Aires… ❤️

Eu medrei no lucense barrio do Carme como “o pibe” -así me chamaba Manolo, o da antiga tenda de ultramarinos da rúa do Cruzamento- para logo pasar a “Guidobili” no baloncesto, idolatrar a Fran e a Maradona na infancia (claro exemplo da miña dualidade), a Messi e Iago Aspas despois (outro claro exemplo) e sobre todo para vibrar cada 4 anos nas Copas do Mundo e en toda cita deportiva na que xoguen Arxentina ou algún arxentino.

Este ano, no meu primeiro Mundial como autónomo, decidín deixar algo máis liberadas estas catro semanas para poder saborealas como sempre co meu pai, que xusto dentro de 7 días está de cumpre ❤️

Chorei a mares en Foz con 8 anos en USA 94 contra Romanía, chorei na casa con 12 anos co gol de Bergkamp, estiven asocial durante dúas semanas despois da eliminación do 2002 que vimos no bar “Sevilla” de Lugo, rompéuseme o corazón na Coruña cos penales contra Alemaña no 2006, sufrín en Compostela co 4-0 dos cuartos no 2010, non fun capaz de ver no Portalón a última parte da final do 2014, resigneime nos oitavos contra Francia no 2018… creo que unha alegría sería merecida, verdade? E non tanto por min, nin por nós… por Messi! Que tantísimas alegrías nos deu. Sete finais, unha Copa América, un ouro olímpico, un Mundial sub-20… e todo o orgullo do seu éxito europeo… Nunca será suficiente o agradecemento, por moi “ilóxico e irracional” que sexa o fútbol…. VAMOS ARGENTINA TODAVÍA! 💙

A %d blogueros les gusta esto: