Os paseos en grupo como espazo de benestar, felicidade e saúde

Hai tempo que non me poño a escribir un texto longo, e hoxe apeteceume poñerme fronte ao teclado a escribir sobre un tema que tiña moi pendente: a miña experiencia guiando e organizando paseos en grupo durante os últimos 11 anos.

Todo comezou como algo paralelo ao meu traballo en distintas axencias de viaxes e empresas de actividades turísticas. Cando regresei a Lugo para quedarme, no 2015, despois de tamén 11 anos, neste caso vivindo fóra, a maior parte das novas amizades fíxenas a través dun café de idiomas que se organizaba e aínda se segue organizando na cidade unha vez por semana. E a eses amigos comecei a propoñerlles saír pasear pola contorna natural lucense todos os domingos… ata hoxe, con todas as variantes que xurdiron no camiño.

Os primeiros 4 anos foron paseos totalmente espontáneos. Despois, cando me fixen autónomo, convertéronse, de distintas maneiras, en parte do meu proxecto profesional. Uns, os guiados, como centro da miña actividade e co obxectivo de dar a coñecer distintas curiosidades de Lugo e Galicia. Outros, os saudables, como xeito de enriquecer a comunidade, xerar lazos, fomentar a amizade, o movemento, e tantos outros beneficios.

Máis de 1000 paseos en grupo despois (con total seguridade van máis de 100 por ano) podo asegurar que eses espazos humanos foron e seguen a ser unha das mellores cousas que me pasaron na vida.

Pasear en grupo para min significa desconectar da rutina, conectar coas vivencias de compañeiros e compañeiras que en moitos casos se converteron e converten en grandes amigos e amigas, mobilizar o corpo, descubrir lugares no propio lugar onde vivo… en definitiva, maximizar por un anaco algunhas das mellores virtudes que teñen a vida e a existencia.

Un pequeno agradecemento a todas esas persoas que levan 11 anos acompañándome polos camiños de Lugo, do mundo e da vida. Por moitos máis!