Galicia Confidencial http://www.galiciaconfidencial.com/nova/18067.html e GC Tendencias http://tendencias.galiciaconfidencial.com/nova/18067.html
Comezan, con este, unha serie de propostas de viaxe a distintos lugares das irmás terras bretonas. Terras que comparten coas galegas paisaxe, historia, cultura e un Fisterra atlántico.
Bretaña e Galiza, Galiza e Bretaña, dúas terras atlánticas, dúas terras celtas, dúas terras gaiteiras, dúas terras mariñeiras, dous pobos loitadores, dous pobos emigrantes con presenza en infinidade de recunchos deste planeta. Rara a cidade do mundo na que non haxa un galego ou un bretón.
Non é casualidade que, tendo tanto en común (historia, tradicións, cultura, características xeográficas…), e pola súa proximidade no mapa (basta con trazar unha liña recta entre Estaca de Bares e, por exemplo, Lorient) atopemos, entre esas migracións históricas de bretóns e galegos, un fluxo entre ambas terras. Máis motivos para o parecido…
Por todo isto, a Bretaña é un sitio onde un galego nunca será alleo. Sempre haberá unha canción, unha comida (filloas-crêpes), unha bebida (sidra), unha anécdota, un sentimento… por esta fraternidade e semellenza é un lugar a sempre ter en consideración, tanto para o intercambio de coñecementos e savoir-faire, como comercial, cultural, académico…e por suposto, turístico.
Coa xa avanzada Autovía do Cantábrico a distancia, e sobre todo o tempo, acúrtase. Os algo máis de 1000 km entre Ribadeo e Nantes xa poden facerse nunhas 10 horas en coche. En autobús nunhas 14, dende Lugo, con ALSA. En tren unhas cantas máis, facendo enlace en Irún-Hendaya.
Se queremos acurtar en tempo, temos os vóos directos dende Santiago (con Vueling) e dende Vigo (con Air France) a París, ou ben viaxar ata a mesma Bretaña facendo escala en Barcelona ou Madrid. Se queremos unha viaxe con encanto temos a posibilidade de ir no FEVE bordeando a costa cantábrica ata Bilbao, e sobre todo a novidosa posibilidade de ir en ferry (LDlines) dende Xixón ata Saint-Nazaire (tardando unhas 15 horas).
Nantes, capital histórica, a cidade de Jules Verne
E para empezar con esta serie de artigos, farémolo pola primeira gran cidade bretona que atoparemos se viaxamos en coche, en tren ou autobús dende Galiza. Nantes: unha das capitais históricas da Bretagne, aínda que en 1941 foi separada administrativamente da actual rexión bretona. Hoxe en día existen fortes reivindicacións para a reincorporación do departamento nantés (o número 44) e considérase algo con certas probabilidades de levarse a cabo. Cando menos a opción será valorada na brevidade, pois dende hai uns anos é un dos temas máis vivos da axenda política francesa.
Ó chegar a Nantes unha das posibles primeiras impresións será que nos atoparemos cunha cidade a talla humana: moi cómoda para os peóns, con grandes facilidades de transporte público (existe unha rede moi ben estruturada, sobre todo grazas ós eficaces tranvías que atravesan o centro dende os arredores máis populares) e unha enorme cantidade de espazos verdes. Non por nada foi nomeada Capital Verde Europea no pasado ano 2013 (uníndose así ás anteriores Estocolmo, Hamburgo e Vitoria).
Outra das impresións máis notables será o atopar, por momentos, parecidos con París, con outras cidades bretonas e atlánticas… e si, como non, con algunhas cidades galegas. Arquitecturalmente é ben identificable como cidade francesa, con atención á estética e edificios non moi altos -salvo a enorme Torre de Bretaña que vixila Nantes dende a altura e que sirve como mirador panorámico para locais e turistas-, espazos amplos formidables para a vida social, montóns de cafés e crêperies, climatoloxía suave e agradable pero cambiante (como A Coruña?), orvallo/garúa nesta época do ano (algo moi galego)… e un ambiente xuvenil, univeristario, alternativo e variopinto que ben podería lembrar a Santiago de Compostela.
Como lugares destacados e presentes en calquera guía de turismo atoparemos o castelo dos Duques de Bretaña (fortaleza medieval e palacio ducal), a torre de LU (antiga fábrica das famosas galletas, hoxe un dos centros culturais máis dinámicos e xóvenes da cidade, onde hai diversidade de encontros, concertos e eventos), a Catedral de Saint-Pierre-et-Saint-Paul, os xardíns xaponeses, o museo de Jules Verne, o museo de Belas Artes (onde atoparemos, entre outros, cadros de Kandinsky, Picasso, Delacroix, Monet…), así como numerosas prazas, basílicas e rúas encantadoras que conforman un centro histórico moi vivo e dinámico, que por outra parte testemuña (aínda que grande parte foi destruída na Segunda Guerra Mundial), un pasado de grandeza: esta cidade foi sempre considerada como un dos portos –ás veces incluso o primeiro- máis importantes do occidente europeo.
Nantes, como xa dixemos, é unha cidade cunha gran oferta de actividade de ocio, espectáculos, eventos de nivel internacional e entretemento en xeral. A cantidade de universidades e centros de ensino superior fai que este sexa un centro de referencia para a xuventude de todo o Oeste francés. A tranquilidade, combinada coa oferta cultural, a calidade de vida, e a cercanía co mar, un motivo para parisinos –e franceses en xeral- para achegarse como turistas (e ás veces incluso como lugar de segunda residencia).
Este dinamismo vese reflectido na facilidade coa que se pode coñecer xente en Nantes. Basta con entrar en calquer café, clube ou boîte de nuit a partir das 20h00 –e ata altas horas- para camuflarse na atmósfera (como xa dixemos, é unha cidade cun carácter moi compatible co galego) e descubrir o famoso charme/encanto de nantesas e nanteses.
Por se esta opción non nos satisfixese, existe unha –ou mellor dito varias- opcións para facilitar a tarefa socializadora: en Nantes (como en outras partes do mundo) é moda organizar encontros a través das redes. Sen necesidade das máis típicas (facebook, twitter) podemos acceder a unha ampla gama de posibilidades grazas especialmente a Couchsurfing e OVS (tamén a asociación de estudantes Erasmus organiza moitos encontros, pero isto xa restrinxe o rango de idade).
O grupo de Couchsurfing de Nantes ten unha gran cantidade de seguidores activos que cada semana organizan encontros (cafés de idiomas, excursións, paseos) invitando, como consecuencia, a coñecer a un montón de xente local, residentes na cidade que veñen doutros lados, ou turistas. A páxina OVS Nantes (abreviación de “On va sortir” = “imos saír”) é, pola súa banda, un sistema moi en boga en toda Francia: unha plataforma virtual, similar ás redes sociais, pero máis acotada xeográficamente (o rexistro efectúase por cidades e unhas non están conectadas con outras).
Nesta páxina os usuarios rexístranse, crean un perfil persoal, e propóñenlle ó resto diferentes actividades para realizar nun curto prazo: unha ruta de senderismo os domingos, footing os martes ás 20h00, sesións de meditación, partidos de fútbol, tomar algo despois do traballo, dar un paseo pola beira do Loira… estas ou calquer idea que se nos pase pola cabeza. O resto de usuarios, en función do seu interese, apúntanse para integrarse e participar na actividade en cuestión. Por suposto os turistas son benvidos, e por iso consecuentemente OVS convírtese nunha plataforma ideal para o potencial visitante da cidade. Da a chance de, nada máis chegar, integrarse directamente na vida da cidade e dos seus habitantes.