San Paolo, o café, e a amabilidade napolitana

En Galicia Confidencial e GC Tendencias

17022013041

Si me poño a pensar nos primeiros días vivindo en Napoli, recordo perfectamente aquel cúmulo de emocións. Anteriormente xa vivira un ano de Erasmus en Italia, percorrera a bota dúas veces con Interrail, incluso a excursión do instituto con 16 anos fora a Italia… pero plantarme en Napoli naquel febreiro do 2013 foi algo impresionante. Os 5 meses estiveron cargados de emocións, pero aquelas dúas primeiras semanas… ¡¡aquelas dúas primeiras semanas!!

As primeiras pizzas en Starita, os primeiros pasos no barrio Stella (onde vivín os 5 meses), todas esas bandeiras arxentinas, todas esas homenaxes a Maradona na rúa, o café, a mozzarella de bufala…Pero ese primeiro partido no San Paolo foi dos mellores recordos. Logo dunha noite grandísima na que coñecemos ao arxentino Marcial e ao mexicano Fortunato, ao día seguinte funme cos dous a coñecer ese famoso estadio, o principal esceario deses vídeos do Pelusa cos que medramos…

Atopámonos na Piazza Cavour para tomar o metro, eu ía cunha sudadeira de Arxentina e non parabamos de falar de fútbol e da emoción de visitar o San Paolo. Cando subimos ao vagón, a conversa seguía… e aí cazáronnos un pai e a súa filla, que, como case todos os presentes, tamén ían rumbo a Campi Flegrei. Empatizaron rápido connosco -como non podía ser doutro xeito-, e todos viaxamos un pouco coa imaxinación a aqueles anos 80 nos que triunfaba o 10. ¡¡Que bo!! Aínda non chegaramos ao estadio e xa o estabamos pasando de marabilla.

Cando chegamos a Campi Flegrei non só nos indicaron todo o que tiñamos que facer para chegar ao estadio. Tamén nos convidaron a un café, nunha cafetería que logo visitaría cheas de veces porque o estadio estaba á beira da facultade. Alí mandámonos a foto histórica (a que encabeza este texto) e desde entón sempre recordarei ese primeiro contacto coa amabilidade e o afecto napolitano… como dixeron o pai e a súa filla: “A Napoli si fa cosi!”

A %d blogueros les gusta esto: