En Galicia Confidencial e GC Tendencias
Estas tres cousas son seguramente –xunto cos deliciosos almorzos- as que sempre lembrarei da miña primeira viaxe a Marrocos. Os tés compartidos coa xente, e unha lúa e unhas estrelas que nunca vira tan bonitas desde outra parte do mundo.
Aquela viaxe a Marrocos foi unha das mellores viaxes que recordo. Alá polo ano 2010, con dous amigos expertos no país norteafricano, Nacho e Jorge, voamos de Madrid a Fes, e logo completamos un bó percorrido: Chefchaouen, Meknes, Volubilis, Kenitra, Rabat…
Foi unha sorte ter a súa compañía e contar coa súa planificación, que a día de hoxe aconsellaría repetir a calquer persoa que viaxe a este país. Alugamos un coche nada máis chegar, e grazas a el puidemos percorrer con calma todos estes lugares.
Ter escollido este tipo de viaxe foi o que nos permitiu desfrutar de dúas das cousas mencionadas neste título: a lúa e as estrelas. ¡Que fermosura! Nun dos tramos nocturnos, atravesando o rural marroquí, lonxe de cidades e pobos, lonxe da contaminación lumínica, observamos o ceo máis limpo e espectacular que nunca vin. Realmente aconsellable.
Coñecer o pasado romano de Marrocos a través do xacemento romano de Volubilis (Patrimonio da Humanidade dende o ano 97), contemplar o precioso pobo azul (as casas e muros son desa cor) de Chefchaouen, camiñar pola historia de Meknes (tamén Patrimonio Mundial), bañarse na costa atlántica nas proximidades de Kenitra, desfrutar da vida urbana de Rabat, tombarse a descansar na explanada da torre de Hassan, marabillarse coa arquitectura relixiosa, respirar con calma ó lado dalgunha fonte, degustar deliciosos pratos nacionais como o Tajine de polo, tomar algún té ó que seguro nos convidarán nalgún momento polas rúas, e sobre todo eses zumes de laranxa e rghayefs/msemen (unha especie de filloas) con mel para almorzar… son algúns pequenos praceres que nos ofrece Marrocos.
A maxia de Fes
Capítulo a parte para unha cidade fascinante. Fes é unha das históricas, e de feito está considerada a capital relixiosa do país. A súa medina foi o primeiro ben marroquí nomeado pola UNESCO como Patrimonio Mundial, alá polo ano 1981. Algúns din que é o espazo peonil (entre os urbanos) máis grande do planeta. É tamén un centro universitario e de comercio. De feito, na zona histórica, atoparemos montóns de negocios e boas oportunidades para mercar produtos tradicionais… especialmente curtidos.
Os curtidoiros de Fes son de feito unha das imaxes máis icónicas, pintorescas e fotografadas de Marrocos. Frecuentemente en revistas de viaxes ou nas redes sociais as veremos, coas súas fosas multicor e os curtidores que mesmo nos períodos de calor traballan arreo.
Unha cidade para perderse con gusto no labirinto da súa medina, un país fascinante que temos moi preto. A tiro de baixo custo dende Barajas, ou senón de barco…
Algúns inevitables de Marrocos: xacemento romano de Volubilis, torre Hassan en Rabat, medina de Fes, cidade santa de Chefchaouen, cidade histórica de Meknes