Un 4×4 para a historia

En Galicia Confidencial

As expectativas eran moitas, pero a Pista Vermella non defraudou: moi alto nivel deportivo, tremendo ambiente, bos momentos e street basket en estado puro.

“Circus Shot”, os gañadores do torneo: Charles Nkaloulou (Zornotza Saskibaloi, LEB Prata), Erik Quintela (Xuven Cambados, LEB Prata), Guillermo Pereiro (Santo Domingo Betanzos, liga EBA), Sergi Quintela (Xuven Cambados, LEB Prata) e Gullit Mukendi (Estudiantes Lugo, liga EBA)

Esta fin de semana as redes sociais botaron fume en Galicia, sobre todo entre os amantes do deporte, e especialmente entre os afeccionados ó baloncesto. Tras unha década sen torneos de rúa en Lugo, esta popular modalidade de basket volveu a situarse baixo os focos cun evento inesquecible para os centos de persoas que o seguiron en directo.

Volveron as pregarias meteorolóxicas, volveron as “pretempadas” dos días previos na muralla e no parque Rosalía… e desta volta, xa moi dentro da era das redes sociais, sumáronse unha enorme cantidade de mensaxes, chíos, comentarios, fotos, vídeos, e todo tipo de comunicacións relativas á expectación creada por este novo acontecemento deportivo.

Non o tiña nada fácil Adrián López, pero cargouse ás costas toda a presión e devolveu a pelota (nunca mellor dito) cun canastrón digno das highlights de Canal +.

O sábado houbo momentos nos que se contabilizaron arredor de 300 persoas no pequeno espazo da rúa Cornubia. Nenos, persoas de idade, familias, parellas, grupos de amigos…  unha gran diversidade pero con algo en común: caras de felicidade, de encontros, de amizade, de diversión e de paixón polo deporte da pelota laranxa.

Os Diplomáticos da Cheda , Enfoca, Partido Porrista, Engroba´s Bulls, Gasket, La rana Cotelo, Lugoplastika, Los Burelos, Los Rockets de Lugo, Circus Shot, Rillotes, Porris Team, Sagrado Squad, The Shooter Team, Cidade de Lugo, Total Sport, Street Basket, Desde Viveiro con amor, Coach Team 2016 e Chi-cago… 20 nomes para o recordo do primeiro torneo oficial 4×4 da Pista Vermella. Equipos ben arquivados fotográficamente no facebook oficial da pista.

Gañaron os favoritos, os que xa levan varios anos dando recitais de baloncesto por todo o noroeste ibérico… o “Circus Shot” dos irmáns Quintela (Erik foi o MVP desta volta), Charles Nkaloulou, Gullit Mukendi e Will Pereiro. Na final enfrontáronse cuns bravos Rockets de Lugo capitaneados por John Manuel Moris (un clásico desta cancha) e cos destellos de calidade dun xoven xogador do Santo Domingo Betanzos: Tyson Pérez. Este mesmo rapaz sería o gañador do concurso de mates (dando unha auténtica exhibición) e o de triplas quedaría para as vitrinas dun dos maiores cracks da historia pista: Rubén Pernas.

E isto non foi todo! Tamén houbo oco para participantes de luxo. Nada menos que Manel Sánchez (o maior icono da historia do baloncesto lucense), Javi Muñoz (recén ascendido a ACB co C.B. Melilla), Esteban Gómez (outro dos grandes históricos xogadores da cidade), Quique Fraga (actual adestrador do C.B. Breogán e tamén ex-xogador), Regina Gómez (unha das mellores xogadoras do baloncesto galego), Seydou Aboubacar (primeiro nixerino en debutar na ACB, hai un ano co Bilbao Basket), Sara Cuíña (C.B. Porta XI) e un longo etc.

Xa queda menos para o segundo 4×4 da Pista Vermella de Lugo!! Que a bola nunca deixe de botar.

A %d blogueros les gusta esto: