Hoxe publicouse no diario El Progreso un artigo sobre o paquete turístico da Galice Celtique de Carlos Núñez, un proxecto co que levamos traballando dende o mes de febreiro en Viajes Mundo Galaico.
LUGO ESTREA UNHA INICIATIVA TURÍSTICA PARA DESCUBRIR O MUNDO CELTA
Unha axencia atrae á cidade a visitantes que seguen a filosofía de Carlos Núñez
“Ser celta consiste en buscar a felicidade”. Con esa filosofía, Carlos Núñez deu a volta ao mundo difundindo, a través da súa música, o concepto do mundo celta, que para el é unha utopía sobre un mundo mellor.
Viajesmundogalaico.com, unha axencia de viaxes lucense, quixo transmitir esta doutrina defendida polo músico e creou un produto turístico para dar a coñecer a cultura celta non só de Lugo, senón de toda Galicia. A idea promocionouse durante a xira do gaiteiro vigués en Francia e tres francesas son as primeiras en vivir a experiencia.
Son Marion Daudé, Annie Desgardin e Nathalie Rolland, que chegaron o mércores a Lugo e coñeceron a muralla lucense, o templo de Mitra, deron un paseo polo casco antigo, visitaron a Praza de Abastos e a Casa dos Mosaicos e fixeron un pequeno tramo do Camiño Primitivo, partindo do Carme, para logo ver o río Miño, a ponte romana, o conxunto monumental de San Lázaro e o entorno do río Rato.
Estas mulleres francesas, amantes da cultura celta -pois xa visitaron antes Irlanda, Escocia e Gales só co propósito de coñecer a súa historia celta- e seguidoras de Carlos Núñez, quedaron «encantadas» coa cidade, contan. «Está a ser unha experiencia moi enriquecedora», engaden.
Guido Álvarez Parga é o guía que axuda a este grupo francés a «descubrir Galicia a través do mundo celta». Pasarán catro noites na cidade amurallada e, despois de terse «marabillado» onte coa historia lucense, durante o resto da viaxe visitarán a Ribeira Sacra, a Mariña Lucense e o santuario de Santalla de Bóveda, para logo continuar por Fisterra, Santiago, A Coruña, Rías Baixas, as Illas Cíes e Vigo.
Susana Conde, propietaria da axencia, conta que «Carlos Núñez deunos o visto bo cando creamos o produto». Ademáis «agardamos que o artista apareza nalgún momento da viaxe, pero non sabemos cando», asegura.