En Galicia Infinita, en Galicia Confidencial e no GC Tendencias
Perderse e atoparse con asiduidade, conectar a diario coa natureza, camiñar polo rastro de devanceiros milenarios… exercicios de liberdade que en Galicia son rutina.

¿Será que a morriña está ligada a esa virtude das terras galaicas? Será que os galegos e os visitantes de Galicia estrañan na distancia esa pracenteira sensación de perderse e sentirse libres e cargados de enerxía? Non o sei… en todo o mundo perderse é unha aventura… pero si é certo que as vibracións deste chan atlántico teñen algo especial que engancha e atrapa.

O Camiño, os camiños… hoxe en día son cada vez máis sinónimos de Galicia. Somos terra de peregrinos, de aventureiros, de migrantes, de mariñeiros, de románticos e buscadores… O lugar onde moitos perdidos veñen atoparse, e un lugar que nunca marcha das entrañas daqueles que o pisan algunha vez.

¿Serán eses bosques milenarios? ¿Serán eses muros de pedra humedecidos polos séculos? ¿Serán eses ollos galegos que semella que acumulasen xeracións de sentimentos e aventuras nas súas retinas? ¿Por que cando un camiña por estas terras sente que os calendarios pesan menos que noutras partes do mundo? ¿Quizais é por iso que Galicia sempre pregunta máis do que afirma… porque dubidar fainos libres…