A excursión do sábado á Mariña, na Voz de Galicia

Hoxe publicouse na Voz de Galicia unha reseña sobre a excursión que o pasado sábado fixemos á Mariña Lucense con Galicia Infinita.

VISITANTES DE ONCE PAÍSES E CATRO CONTINENTES DESCUBRIRON RECUNCHOS DE VIVEIRO E O VICEDO

Excursión ó Fuciño do Porco, monte San Roque e o casco viveirense

Dende Xordania (Asia); Brasil, Bolivia, Chile, México e Estados Unidos (América); Túnez (África); e Turquía, Italia, Reino Unido e Bélxica (Europa) chegaron o sábado moitas das persoas, na súa maioría estudantes Erasmus e auxiliares de conversación en colexios e escolas de idiomas de Galicia, que visitaron recunchos de Viveiro e O Vicedo. Galicia Infinita, unha axencia lucense creada recentemente por Autocares Álvarez, organizou unha excursión aberta na que participaron 41 homes e mulleres, 30 estranxeiros e 11 doutras localidades galegas.

O seu primeiro destino foi a espectacular senda entre acantilados de Punta Socastro, máis coñecida como O Fuciño do Porco, e O Vicedo. Logo achegáronse a Viveiro, onde tamén descubriron o miradoiro do monte San Roque, o casco histórico e a praia de Area, na que finalizaron a xornada.

Segundo explicou Guido Álvarez, quen exerceu de guía, Galicia Infinita organiza estas excursións os sábados dende marzo, aínda que cobraron maior intensidade a partir do mes de setembro: «Saímos en autobús desde Lugo pola mañá e regresamos pola tarde, e son abertas para todos».

A Mondoñedo

Esta iniciativa pretende descubrir Galicia a xente de todo o mundo, á que xa antes achegaron ás Catedrais ou á Torre do Mariscal Pardo de Cela en Alfoz. O vindeiro sábado irán a Mondoñedo.

A %d blogueros les gusta esto: