Visitantes de Arxentina, Brasil, Italia e México acompañáronnos nun sábado para o recordo: micoloxía, natureza, historia, gastronomía, feira e festa… todo en un!
O día comezou en compañía dos nosos queridos amigos de “O Freixo dous Lobos Ecoturismo e Natureza”… preparáronnos unha formidable ruta micolóxica pola Fraga Vella! Gozamos moito e aprendemos en cantidade sobre o fascinante mundo dos cogomelos. Grazas, Pedro Rolle, polo teu bo traballo, profesionalidade e paixón! E por volver levarnos a esta preciosa paraxe mindoniense.
De aquí fómonos dar un pequeno paseo polos montes das Bouzas, a gozar observando a cascada do Salto do Coro… unha beleza!
Logo fómonos comer ó barrio dos Muíños en modo picnic… e que nos atopamos? A unha parella de amables veciños que quixeron coñecernos e que ao final ata nos trouxeron unhas cadeiras e bancos para que estivésemos máis cómodos! Así de acolledora é a que cariñosamente moitos chamamos “a Venecia galega”.
O seguinte sería unha visita ó casco histórico, guiados por Claudia del Pino. Desde aquí agradecerlle a Claudia a súa atención por ternos atendido nun día tan repleto de compromisos para os profesionais do turismo en Mondoñedo! Xunto con Pedro, as grandes estrelas deste penúltimo sábado de outubro: grazas, grazas, grazas!
E despois desta introdución, chegou o momento para distendernos ó máximo e gozar da feira máis antiga de Galicia… As San Lucas! Encantados de estar na 861ª edición dunha festa que vai camiño de ser milenaria. Grazas, Mondoñedo!!