O Lugo do século XXII

Artigo publicado no Nós Diario o 13 de marzo do 2021

Como será Lugo no ano 2100?

Hoxe a nosa viaxe non vai discorrer só polo espazo, farao tamén polo tempo e polas nosas imaxinacións. E é que estes tempos de tantos cambios no mundo semella que ás veces activan os nosos maxíns pensando moito no que virá.

Viaxamos ó futuro pola máis antiga das cidades galegas, e facémolo porque segue sendo Lugo, co paso do tempo, unha cidade que convida especialmente á fantasía. Unha cidade con tanto por descubrir baixo terra… e tamén sobre ela.

Pero esta aventura de hoxe non trata de quedarnos sentados imaxinando, non… temos que movernos pola cidade, observar, e darlle ó coco. Como imaxinades certos espazos lugueses dentro de 80 anos? Imos alá.

O PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO

Tiramos de hemeroteca? Os achados que se fixeron na cidade nas últimas décadas cóntanse a ducias e chegando a centenares. Será este XXI o século da definitiva posta en valor do inmenso pasado da vella Lucus Augusti? Eu quero pensar que si. Os 150 fornos do xacemento da Tinería, tamén os da traseira da rúa San Froilán, o decumano e a domus de Santo Domingo, os vestixios castrexos e de romanización en Recatelo, a necrópole da rúa da Xesta, o castro de Piringalla, o conxunto arqueolóxico de Adai, todo o que ven en camiño coas catas do barrio do Carme… a listaxe é infinita. Non hai dúbida, e cada vez máis xente o ten claro: este é o noso maior tesouro… o que nos fai máis diferentes e únicos no mundo. Imaxinades ese Lugo do 2100 con todos os patrimonios á vista e un orgullo que non cabería no peito?

UNHA DAS CAPITAIS VERDES DO PLANETA

O mundo rural e a natureza forman parte da cidade como en poucas do mundo. Única capital ibérica ubicada nunha Reserva da Biosfera UNESCO, o recoñecemento xa fala por si só. Probablemente esta pandemia do covid19 está axudando a poñer en valor un estilo de vida que moitos, e sobre todo os que vivimos fóra algunha vez, valorabamos xa inmensamente. Paseáchedes polas hortas do Carme, Galegos, Albeiros, A Ponte, Castelo…? Visitade todos estes barrios rurais que tantas urbes do mundo soñarían. Toca preservalos…

Proxectos actuais como o bosque das 55 especies autóctonas galegas no barrio das Gándaras, ou antigos como os paseos do Miño e do Rato, marcan unha senda que xa nunca debemos perder. Visitádeos e imaxinade como serán todas esas arboredas e parques dentro de 79 anos…

EN BICI E A PÉ

O proceso peonalizador de Lugo que comezou nos anos 90 volve coller forza. Tamén a continuidade das bicisendas que nalgún momento comezaran a xerminar, pero quedaran estancadas. Non hai dúbida, Lugo é unha cidade “a taille humaine” como dirían os franceses… e máis que o vai ser. Todos estamos dacordo, xa son poucos os que quedan na contracorrente deste claro avance da cidade que xa leva 30 anos en marcha. Como visitante, un verdadeiro gozo… se vides en coche mellor deixádeo aparcado durante toda a vosa estadía! Pateade os infinitos quilómetros verdes, pedaleade por un concello inmenso e cheo de rutas marabillosas para andar en bici… e descubride un municipio que ben parece un pequeno mundo en si mesmo.

ARTE E CULTURA

O XXI está a ser un século de revolución cultural en Lugo. Grupos musicais, artistas plásticos, graffiteiros, bailaríns, fotógrafos e cinematógrafos de primeira… un berce en potencia que debería mimarse para camiñar con paso firme cara ese XXII imaxinado con optimismo. As escolas Ramón Falcón e Fundación TIC, canteiras a protexer.

AS VÍAS DE COMUNICACIÓN: A GRAN MATERIA PENDENTE

As futuras conexións de Lugo son a maior das fantasías. Nese eido estamos tan tan deixados, que todo é soñar. Soñar que goberno autonómico e estatal valoren dunha vez a enorme importancia estratéxica de Lugo e invistan como deben nunha cidade e nunha provincia absolutamente abandonadas nesta materia. Proxectos máis de cincuentenarios como a conexión ferroviaria entre Lugo e A Mariña ou entre Lugo e Santiago, necesidades actuais como a conexión directa e rápida cos aeroportos, ou a simple conexión co resto de cidades galegas… serán chaves no que queda de XXI. Soñemos xuntos e fagámolo realidade.

UN CAMBIO NA MENTALIDADE

Para terminar, a conclusión máis esperanzadora: algo está a cambiar na mentalidade da cidade. Nos últimos anos é perceptible unha maior sensibilidade, un maior amor, un maior afecto polo noso. Tamén é isto visible no eido político: xa en todos os partidos hai numerosos representantes convencidos de todas estas ideas: o valor do patrimonio arqueolóxico, o evidente beneficio do avance das peonalizacións e da mobilidade sostible, e sobre todo o orgullo e o pracer de vivir nesta cidade. O PP que reclama pola posta en valor do anfiteatro do Campus Terra, o BNG e a súa decidida aposta polo avance das peonalizacións, o PSOE e a súa decisión de poñer en valor o patrimonio do barrio do Carme por primeira vez na historia, Ciudadanos e a súa proposta de que a Avenida da Coruña se reduza a un só carril… son algúns dos exemplos de que hai moitas visións de cidade compartidas. Unha gran vitoria, pequenas grandes vitorias que contrarrestan aberracións recentes coma os aparcamentos soterrados do centro histórico, o abandono do xacemento da Tinería, o Garañón, ou o non auditorio de San Fernando… temos que festexar o positivo, e seguir loitando sen pausa por esta gran cidade.

A %d blogueros les gusta esto: