Artigo publicado no Nós Diario o 10 de abril do 2021
Xa hai moito tempo que vimos falando da idade dourada da arte urbana lucense, e a vitoria de Diego Anido Seijas (Diego AS) o pasado luns nas Graffiti Battles da Liga Nacional non é máis que unha reafirmación desta realidade.

Xa son moitos os premios e recoñecementos galegos e estatais, xa son moitas as intervencións dos graffiteiros lucenses incluso noutros países. Xa non son dous, nin tres, nin catro, os creativos que cada semana nos agasallan coa súa maxia pintando nas paredes da cidade.
Rubén Paz, Primo de Banksy, Iago Eireos, Noemí Núñez, Leandro Barea, Marcos Pereira, Nesui, Tirso Paz, Pablo Lage, Otro Prisma, Concepto Circo… son xa moitos os nomes a recordar e a seguir nas redes sociais para logo presumir de arte local cando recibimos visitas de amigos ou familiares.
Por iso, nun momento coma este, é bo render homenaxe ós iniciadores, ós pioneiros, ós que comezaron un camiño e inspiraron a moitas das seguintes xeracións. E non é esta reflexión algo de colleita propia: basta ler entrevistas a todos os “novos” para saber o que significaron en Lugo os nomes Yoe 33 e Concepto Circo.
É certo que non só foi Yoe, foi todo aquel grupo de artistas variados englobados baixo o paraugas de Concepto Circo… unha familia da que saíron non só graffiteiros senón tamén tatuadores, produtores musicais, deseñadores de roupa e tantas outras cousas. Pero é tamén certo que non hai en Lugo outra lenda tan grande coma o do intrépido rapaz que colleu o esprai a principios dos 90 e que non cremos que o solte en moito tempo. Parabéns á familia graffiteira pola victoria de Diego, e por poñer no mapa a toda unha xeración de xenios lucenses.