Artigo publicado no Nós Diario o 8 de maio do 2021
Novos achados e posta en valor dun barrio Patrimonio Mundial

O barrio do Carme comeza a ser o novo epicentro da investigación arqueolóxica galega tralo descubrimento dunha domus romana do século III na primeira cata feita no plan Muramiñae do Concello de Lugo. Unha evidencia que apuntala vellas teorías que consideran que este marabilloso e xenuíno barrio lucense foi no seu día, con case total seguridade, parte importante da vella cidade de Lucus Augusti: nada menos que a primeira capital galega, e a gran urbe do noroeste ibérico naqueles tempos imperiais.
Non pode esquecerse, e menos nestes días, a hipótese do arquitecto Sánchez-Montaña: estará no Carme o anfiteatro romano de Lugo? Parece que nunca foi máis oportuno reformularse esa pregunta.
O que si sabemos con seguridade é que nesta “porción verde” da torta que é Lugo -como sempre di o tamén arquitecto Ramón Cabarcos, nativo da zona- son xa visibles, e sumando, varios patrimonios de inmenso valor histórico: a cloaca romana da sala de exposicións Porta Miñá, a capela do Carme (antiga ermida da Virxe do Camiño), a nova domus romana, a Vía Romana XIX, o Camiño Primitivo, os muros a xunta seca e o parcelario medieval, a continuación da Vía Künig, o lugar de nacemento de San Froilán…
Semella que o goberno municipal está convencido, por primeira vez na historia, de lustrarlle o brilo ó Carme, e poñer en valor unha das zonas máis fascinantes e marabillosas de toda a xeografía galega. Superan o ecuador as obras de mellora e adecentamento dos camiños históricos, avanzan as obras de humanización da Ronda do Carme, triunfan as catas arqueolóxicas… e ata saíu na prensa que o Concello prevé desenvolver un posible parque temático arqueolóxico en toda esta gran área.
Impecable. Nunca na vida imaxinamos, os que levamos reivindicando o valor patrimonial do barrio, que tan pronto ían pasar tantas cousas. O medo á especulación urbanística sempre estivo latente, moi latente. Pensabamos que o abandono era voluntario, na procura dun futurible pelotazo urbanístico. Celebramos hoxe que non fose así, e que agora o goberno local estea iniciando, tamén co beneplácito da Xunta (que dende Patrimonio aprobou as intervencións), un camiño de non retorno cara a posta en valor dun espazo público verde, inmensamente rico en historia, e cun valor etnográfico e rural absolutamente excepcional tendo en conta que está en pleno centro de Lugo.
Non podemos esquecer que Lugo aspira a conseguir unha sexta declaración da UNESCO (o centro histórico, sumado á Muralla Romana, ó Camiño Primitivo, á Catedral de Santa María, ós muros a xunta seca e á Reserva da Biosfera) pero é que o barrio do Carme presume de cinco desas declaracións e está a escasos metros do sexto elemento que sería a Catedral. Incrible, non é?
A todo iso, o gran baluarte xa mencionado en artigos anteriores: esta ventá verde ó Miño dende a Muralla Romana é un verdadeiro reduto rural dentro da urbanidade que conquistou o centro de Lugo e os barrios. Dos céntricos, é O Carme o único que é maioritariamente, case plenamente, rural… nun nivel tan alto, que poucas cidades de 100.000 habitantes do mundo (ou ningunha?) poden presumir dun caso tan paradigmático coma este.
O achado da domus romana, polo visto, demostra a continuidade do polo industrial da época que había na Tinería… aqueles famosos 150 fornos no lado interior da Muralla -que seguen agardando a súa posta en valor- parecen ter continuidade no exterior. Sería a construción do muro romano a que tería tallado ese barrio artesán, ó igual que tamén foron excluídos/cortados o barrio de Recatelo ou parte da Domus do Mitreo.
A revolución do Carme, a posta en valor da súa arqueoloxía e do seu patrimonio histórico e natural, están a marcar unha liña que Lugo xa nunca debería perder. A recuperación, a valorización, o cariño, o apego, polos máis prezados bens dunha cidade coa que xa parece eterna aspiración a recuperar o brilo e a importancia que tivo antano. Volve Lucus Augusti? Ogallá que si