Artigo publicado no Nós Diario o 5 de xuño do 2021
Algo interesante está a suceder en Navia de Suarna, un concello ancarés de mil habitantes

Un mozo enxeñeiro vigués que percorreu medio mundo desenvolve un proxecto de casa rural e coliving en Barcia.
Un asturiano profesor de inglés pon en marcha un museo etnográfico en pleno centro histórico da vila e tamén colabora na creación dun museo de ferreiros dos Ancares.
O artista de talla internacional Joseba Muruzábal elaborou nas rúas naviegas o extraordinario mural do oso e da superavoa Amparo, a reposteira dos bosques.
Que dicir de Óliver Laxe e “O que arde”, director e filme que puxeron no mapa mundial a Navia… Ou da Irmandade Naviega, asociación veciñal chea de futuro….
Pero as chorimas de esperanza das que fala o escritor naviego Toño Núñez están representadas dun xeito insuperábel con Алиса Смирнова e Pavel Yakushev, os rusos de Navia: dous mozos artistas que chegaron á vila hai pouco máis dun ano, e que nese curto tempo enchérona coas súas pegadas en forma de sentimentos e figuras de metal.
Galos, esquíos, troitas, raposos, ourizos cachos, trebos,, flores, nomes de casas e negocios… un absoluto bombardeo artístico cheo de encanto e personalidade.
Queridos por todos, chamados para todo tipo de ocasións, xa non se sabe quen e máis naviego… se os naviegos ou se os rusos Pavel e Алиса… dende logo son estes unha chiscadela ao futuro, un futuro no que Navia ben podería ser unha referencia para o novo mundo que comeza. Un sinal do renacemento dunha vila histórica cargada de beleza que se revitaliza con muralistas, enxeñeiros, cineastas… e esa parella de rusos que elixe Navia como o seu lugar no mundo.