Este sábado 11 de marzo Guido Guía organiza o primeiro paseo guiado #VilalbaFotográfica coa colaboración dos fotógrafos profesionais Cristian Leyva (México) e Sergio Ferreyra (Arxentina) e do veciño vilalbés e fotógrafo afeccionado David Corredoira Taboada.
O percorrido comezará ás 11h00 na Torre dos Andrade e terá unha duración de 3 horas. Será de dificultade media-baixa e as inscricións (a través do correo guidoguiaturismo@gmail.com) custan 10 € por persoa (con posibilidade de bonos e descontos por idade).
CRISTIAN LEYVA é un fotoxornalista independente do estado de Guerrero, México, pertencente ao pobo nahua da zona do Alto Balsas. O seu traballo enfócase principalmente na cobertura de temas relacionados cos pobos orixinarios, cuestións sociais como a migración, a desaparición forzada e procesos comunitarios de seguridade e xustiza.
As súas fotografías foron difundidas por diversos medios e axencias como National Geographic, The Guardian, The New York Times, Getty Images, NurPhoto Agency, Zuma Pres, Pacific Press Agency, Revista Contralinea, Agencia Autónoma de Comunicación Subversiones, etc.
No 2020 foi beneficiario do apoio do National Geographic COVID-19 Emergency Fund for Journalists e finalista no concurso de fotografía “Documentando o Impacto do Covid-19 a través da Fotografía: Illamento Colectivo en América Latina” de «ReVista: the Harvard Review of Latin America» da Harvard University United States.
Forma parte de Indigenous Photograph, un espazo de xornalistas visuais indíxenas de todo o mundo. Actualmente colabora coas axencias NurPhoto Agency, Zuma Press e Pacific Press Agency.
SERGIO FERREYRA graduouse na especialidade de Fotografía da Facultade de Artes da Universidade Nacional de Córdoba (Arxentina) no ano 2013. Ten 10 anos de experiencia como fotógrafo de paisaxes, natureza, retrato corporativo, produtos, eventos sociais e culturais, ademais de ter ampla experiencia de traballo con empresas recoñecidas na súa rexión. Para Sergio a fotografía é “convertir o habitual en extraordinario dándolle ao espectador unha ollada diferente e podendo contar unha historia a través da foto”.
