Onte sábado foi un día moi especial para Galicia Infinita. Xunto con tres profesores do Campus Terra USC (Ana Cabana, Elena Freire e Juan Ortiz) guiamos na ruta de clausura da International Week 2017.
Foi esta unha semana moi especial! De luns a xoves visitamos, en distintas facultades, os variados estands dos estudantes internacionais. E onte fómonos todos xuntos de ruta! Concretamente por Lugo, A Fervenza (O Corgo) e Castro de Viladonga.
O equipo de guías foi de auténtico luxo: Ana Cabana (profesora de Historia Agraria), Elena Freire (profesora de Antropoloxía Social), Juan Ortiz (profesor de Enxeñería Agroforestal) e Guido Álvarez (o noso guía e axente de viaxes en Galicia Infinita).
Pola mañá visitamos varias zonas da contorna lucense (río Rato, A Tolda e centro de interpretación Terras do Miño), e a Casa Grande da Fervenza. Foi a ocasión de aprender unha chea de cousas cos profesores da USC!
Pola tarde foi a quenda de Guido, que aproveitou a visita ó castro de Viladonga para explicarlles aos estudantes un pouco da historia de Galicia e por suposto especialmente do mundo castrexo.
Sen dúbida foi unha xornada para o recordo! Xa agardamos con ansias a International Week 2018!