O pasado sábado fómonos de excursión co ambientólogo Pepe Pérez Vázquez, nacido en Lugo pero con profundas raíces en terras chairegas. Descubrimos a comarca dos seus devanceiros e aprendemos moito sobre a súa fermosa natureza!
Comezamos a xornada visitando As Penas de Rodas, lugar mítico e lendario que se atopa no municipio de Outeiro de Rei. Antigo lugar de culto, dúas enormes pedras de granito cuxo orixe podería remontarse á época romana.
Acto seguido desprazámonos ata o concello de Begonte, onde comezamos a nosa camiñada matutina visitando a lagoa de Riocaldo. Alí Pepe empezounos a falar da flora e fauna de toda esta zona.
A nosa seguinte parada: os Ollos de Begonte, dous pequenos pero profundísimos lagos (a páxina de Turismo de Begonte estima que uns 38 metros) cargados de mitos e lendas: “Dise que serviu de foxo dos soldados franceses derrotados, que para buscarlle o fondo usaron sete adibais e un pote de ferro cheo de coios e non llo atoparon, que a auga sobe e baixa coas mareas, que caeron animais dentro e nunca máis se soubo, que hai cónchegas de peixes e que alí viven mergulladas tres irmás encantadas”.
Case nada, non? Pois logo desta máxica parada, proseguimos a nosa camiñada polas beiras do río Ladra. Fixemos parte da coñecida como “Ruta dos Caneiros” e rematamos no Clube Fluvial de Begonte, onde comemos o noso habitual picnic.
Seguinte parada: lagoa de Cospeito! A máis grande de todas, e un dos ecosistemas hídricos máis importantes de todo o noroeste da península Ibérica.
No seu centro de interpretación, Pepe explicounos a historia da lagoa, as súas características, e o seu valor ambiental.
Tivemos a sorte de ver unha lontra! Durante uns 30 segundos vímola en acción : )
Tamén unha gran cantidade de aves!
Desta riqueza ornitolóxica deriva o moderno “Museo das Aves” que visitamos para terminar a nosa xornada… un lugar moi interesante!
Quedamos encantados e con moitas ganas de voltar pronto á querida Chaira galega : )