De Lugo a Lisboa, 5 días de paseos e grandes recordos

No blog de Galicia Infinita

Esta ponte de decembro fómonos a Portugal. Vinte persoas de catro países e de todas as idades que acabamos convertidos nunha pequena familia.

Fai uns dous meses, nunha das nosas habituais excursións dos sábados, os nosos amigos viaxeiros preguntáronnos si sería posible organizar unha viaxe a Portugal na ponte de decembro… por suposto resultou que si! O pasado mércores montámonos no autobús, e durante cinco días adicámonos a gozar (maiormente camiñando) do país dos irmãos. Catro noites lisboetas, un paseo por Coimbra, outro por Belém e Sintra, e despedida no Porto…

A nosa primeira parada foi Coimbra! A cidade universitaria por excelencia, e a que algúns chaman “o segredo mellor gardado de Portugal”. A súa universidade, a Alta de Coimbra e Sofía (unha rúa da Baixa) foron recoñecidas pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade no ano 2013.

Os guías Simãou e Diogo, de Let´s Visit Coimbra, foron os encargados de amosarnos a cidade. Dous estudantes de Arquitectura e Historia, apaixonados e amables (ata viñeron recollernos ó restaurante onde comemos, Petisqueira Portuguesa), e que foron uns grandes anfitrións no noso arribo.

Noite do mércores: chegada ó Lisboa Central Hostel! A nosa gran base de operacións, a nosa casa lisboeta. Xa estiveramos alí o ano pasado, e sabiamos que non defraudaría… non por nada foi elixido en 2016 como o sexto mellor hostel mediano do mundo en relación calidade-prezo! Opinión de miles de usuarios en Hostelworld.

O xoves comezamos o noso periplo lisboeta, cun completísimo free tour da empresa Blue Emotion Tours, liderado polo fantástico guía Edu. Levounos por Comércio, A Baixa, Chiado… e nós continuámolo paseando polo Bairro Alto.

Que vos parecen as vistas coas que despedimos a tarde? Miradouro de Santa Catarina : )

Esa noite acabariamos ceando todos xuntos no hostel: unhas deliciosas tortillas “made in Galicia”, un pouco de rica sopa do hostel (ofrécena todas as noites!), queixos, embutidos… e bo viño. Tan boa enerxía había no ambiente, que acabamos os vinte (e a nosa amiga Tatiana, de Moldavia) gozando dun pequeno recital de fados no Bairro Alto. Concretamente no restaurante Já Disse!

E xa venres! O tempo pasaba cada vez máis rápido, e nós seguiamos camiñando para non perdelo…

Foi entón a ocasión de coñecer o barrio de Alfama, esta vez da man da empresa Discover Lisbon. Guiounos Teresa Acevedo! Historiadora extremeña afincada en Lisboa desde fai anos… transmitiunos todo o seu amor pola cidade dos sete outeiros, e especialmente o deste precioso distrito lisboeta: o máis antigo e un dos que mellor conservan a súa esencia.

Esa noite a maioría deitámonos cedo, gardando forzas para os dous días fortes que nos quedaban… Algúns xa levabamos máis de 50 km camiñados! E ao final foron 72…

O sábado foi a quenda de Belém e Sintra: nunha mañá e nunha tarde descubrimos tres patrimonios da humanidade UNESCO: o mosterio dos Jerónimos, a torre de Belém, e a paisaxe cultural sintrense.

Despedímonos do noso hostel cunha gran velada gastronómica mexicana! Sopes e pico de gallo, charla, chistes, e un pequeno concerto da nosa querida inglesa Elaine Brown : ) Inesquecible!

Chegou o último día e largouse a choiva por primeira vez… sería un choro de saudade? Porto despediunos lindo, bucólico, emocionado… ata tocou as campás xusto cando estabamos montando no autobús… volveremos, irmãos! Grazas por esa francesinha de despedida : )

A %d blogueros les gusta esto: