Comezo a colaborar no diario El Progreso de Lugo con “O reto do Carme”

Hoxe estréome como colaborador de El Progreso de Lugo na sección de firma convidada. De cando en vez compartirei opinión sobre diversos temas. Nesta ocasión escribín, como non, sobre o Barrio do Carme. Moitas grazas por contar comigo.

O reto do Carme, o barrio con máis futuro

Chegan as eleccións municipais e con elas un novo horizonte: Lugo 2023. Moitos retos á fronte, pero un moi especial: que sucederá no barrio do Carme nos vindeiros catro anos? Quen goberne terá ante si a oportunidade de marcarse un dos maiores puntos políticos da historia de Lugo, ou, pola contra, quedar marcado para sempre no caso de que se arruine unha xoia tan incríblemente preciosa e única no mundo.

O barrio natal de San Froilán, o da Vía Romana XIX ou do Camiño Primitivo pode pasar de ser un encantador reduto rural, ecolóxico e libertario a converterse en algo se cadra aínda máis fermoso: nun barrio igualmente verde, igualmente rural, pero máis aberto ó resto de lucenses e terrícolas.

Poñer en valor a única ventá dende a Muralla ó Miño e a súa historia bimilenaria, poñer en valor o encanto do Regueiro das Hortas (a rúa máis fermosa de Lugo) e a súa potencialidade como o Camiño de Santiago orixinal que é, rehabilitar e potenciar a habitación do barrio como se fixo e se está a facer na Tinería, estimular iniciativas culturais que potencien e lle dean vida á zona…

Imaxinades o que sería pasear dende o Lugo Patrimonio Mundial ata a Reserva da Biosfera Terras do Miño atravesando unha aldea do rural galego con dous mil anos de historia e unha riqueza de flora e fauna propias dun Parque Natural? Poucas cidades do mundo poderían permitirse soñar algo semellante. Loitemos por elo, goberne quen goberne nos vindeiros catro anos, e non deixemos que O Carme se convirta noutro pano de bágoas coma o Gran Teatro. Que no 2023 teñamos moito que festexar e pouco que chorar.

A %d blogueros les gusta esto: