Levo dende os ¿10 anos? practicando os tiros dende o medio do campo. Por algunha razón dende esa curta idade divertíame lanzar o balón dende o máis lonxe posible… e co tempo, empecei a facelo tamén de costas ó aro.
Os meus amigos e a xente que me coñece de moitos anos sabe como me gusta isto, e a ilusión que me fai que, cando comparto un vídeo facéndoo, sexa motivo de sorpresa e diversión de moitas persoas.
O meu récord batino hai uns 10 anos na cancha do pavillón dos institutos de Lugo, na Avenida Ramón Ferreiro. Fixen un 5 de 7 tirando dende o medio cara atrás… e creo que foi máis ou menos nesa época cando comecei a gravarme tirando, pola graza de gardalo e tamén de compartilo cos amigos.
Hai tres semanas comezamos a miña moza e eu unha viaxe por varios países do norte de Europa (Alemaña, Polonia, Lituania, Letonia, Estonia e Finlandia) e estando en Varsovia vimos unha cancha preciosa e quixemos facer a graza para as redes sociais…
Posteriormente, un amigo (Alberto Ares) propúxome a idea de continuar o “challenge” tirando en máis países e incluso de crear un hashtag para todos os vídeos subidos (aínda non teño claro cal)… o feito e que me animei, fixen máis vídeos, e coincidiu que neses días saiu nas redes un concurso de Kia en Zona no que buscan a un triplista amateur para participar no concurso da Supercopa ACB 2019…
A partir de aí comecei a poñer ese hashtag #SeBuscaTriplista2019, a mencionar a @kiaenzona, e a compartir vídeos dende o parque rexional Verkių, dende Vilnius, dende Tallinn…
Foi así como, co resumo final de vídeos en todos os países, Kia en Zona seleccionou o meu vídeo e compartiuno en Instagram… o primeiro vídeo compartido! O que quere dicir que hai algunha posibilidade de que poda chegar a tirar na Supercopa…
Se queredes que se convirta en realidade… apoiade con me gustas e comentando no vídeo de @kiaenzona! Aquí comparto o enlace… unha aperta para todos!!